Inician unha recollida de firmas contra a caza das rulas: "Queremos que volvan"

A Xunta autoriza a caza da rula nos 9 concellos da comarca ourensá da Limia durante a media veda que empezou 17 de agosto e rematará o 8 de setembro, malia terse observado nesta zona un declive das poboacións do 37 % nos últimos anos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A rula está en perigo. Non hai moito, Ecoloxistas en Acción viña de comunicar á Fiscalía a posible comisión dun delito de vulneración do artigo 404 do Código Penal por ter autorizado a Xunta de Galicia a caza da rula común. Solicitaba, xa que logo, a suspensión cautelar da súa caza. Esta protesta tiña lugar despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, nunha resolución publicada no DOGA do 31 de maio, autorizara a caza da rula na Limia a partir do 17 de agosto, malia atoparse esta ave nun franco declive e producirse nunha zona de especial protección para as aves.

Unha rula
Unha rula | Fonte: blogdeaves

RECOLLIDA DE FIRMAS

Agora, esta loita salta á colectividade xeral mediante unha petición en change.org dirixida á Xunta de Galicia: "Queremos que volvan as rulas". Rocío García, a xestora da iniciativa, critica no texto da petición que a administración non poña en marcha "ningún protocolo para a súa corservación" e que ademais siga permitindo a súa caza e contribuíndo, así, á súa "case total desaparición". 

"A rula é unha ave migratoria que co seu canto anuncia a chegada do bo tempo nas nosas aldeas, campos e bosques. Nos últimos anos o seu fermoso "ru ru" vai desaparecendo sen que as autoridades fagan nada para evitalo", prosegue. Polo de agora, xa son 344 - e subindo - as persoas que se sumaron a esta petición e decidiron esixir á Xunta medidas para conservar a rula e en contra da súa caza, concretamente, na Limia. 

O "INDIGNANTE" CASO DA ZEPA DA LIMIA

A Xunta autoriza a caza da rula nos 9 concellos da comarca ourensá da Limia durante a media veda que empezou 17 de agosto e rematará o 8 de setembro, malia terse observado nesta zona un declive das poboacións do 37 % nos últimos anos. A Limia foi declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta de Galicia no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves de crear espazos de protección para as aves.

"Se o proceso da súa declaración foi polémico por reducir as 10.000 hectáreas propostas no proxecto orixinal do ano 2007 até as 6.939,28 hectáreas actuais,o máis indignante é que incluso se autorice nela a caza dunha ave en serio perigo de desaparición", critica a asociación Ecoloxistas en Acción.

CHAMADA DE ATENCIÓN DA COMISIÓN EUROPEA

A grave situación da rula levou a que a Comisión Europea iniciara o 25 de xullo un proceso de infracción contra o Estado por non tomar medidas de conservación que freen o seu declive. España alberga máis da metade da poboación reprodutora da Unión Europea, polo que é o país clave na conservación desta ave que está a sufrir en toda Europa un forte retroceso. Mediante unha longa carta de emprazamento, a Comisión Europea comunicou ao ministro de asuntos exteriores a vulneración de tres artigos da Directiva 2009/147/CE, relativa á conservación das aves silvestres, coñecida habitualmente como Directiva Aves.

Segundo a Comisión Europea, España ten perdido un 40% das rulas reprodutoras no período 1996-2016, en base aos datos proporcionados polo Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos do CSIC. Salienta que as diminucións máis destacadas son as de Galicia e País Vasco.

AS DENUNCIAS ECOLOXISTAS

Por estes motivos, o pasado 30 de xullo a Sociedade Galega de Ornitoloxía, en nome de 6 entidades ecoloxistas, demandou á Consellería de Medio Ambiente que prohiba a caza da rula en toda Galicia con carácter indefinido, inicie o proceso para incluír esta especie no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable e implante medidas eficaces de conservación. Aparte dos beneficios para a biodiversidade, estas medidas axudarán, indican os ecoloxistas, a "evitar as severas sancións económicas que levará aparellado o procedemento infractor iniciado pola Comisión Europea".

A Sociedade Galega de Ornitoloxía comunicou ao Comisario de Medio Ambiente da Unión Europea, Karmenu Vella, a situación que se está a dar en Galicia e dirixiuse tamén ao Defensor do Pobo, Francisco Fernández Marugán, para expoñerlle a situación de vulneración da lexislación básica de conservación da natureza en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta