Aumenta o consumo de drogas entre adolescentes, sabemos por que?

A incidencia do consumo de drogas sobre menores de idade está en aumento. Son moitas as variables que están detrás deste incremento. A cuestión é que a abordaxe desta situación para freala ou darlle a volta, pasaría por un cambio social, educativo e mesmo político.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A incidencia do consumo de substancias adictivas entre mozos e mozas que están en período escolar de primaria, E.S.O., e ensino secundario non obrigatorio é un problema que está acadando cotas moi altas segundo algúns expertos. Esas cotas apuntan tanto o consumo de substancias como a precocidade coa que comezan a consumir os mozos e mozas durante ese  período que cobre toda a adolescencia, entre os doce e dezaoito anos.

A Xunta organiza talleres de robótica, pilotaxe de drones e creación de videoxogos dentro do programa TechKids. XUNTA
A Xunta organiza talleres de robótica, pilotaxe de drones e creación de videoxogos dentro do programa TechKids. XUNTA

Aumentou o consumo entre a xente nova? Está presente dentro dos centros educativos? Como poden conseguir os mozos e as mozas substancias estupefacientes? Faise todo canto se debera para que isto non suceda? Falamos con representantes de asociacións de pais e nais de alumnos e con expertos que seguen a evolución dos comportamentos adictivos entre a mocidade.


CONSUMO DA XENTE NOVA

Fernando Lacaci, presidente da confederación de Anpas Galegas declara sobre este tema que “o consumo de drogas dentro dos recintos escolares é absolutamente secundario, o que si ten importancia é o consumo de drogas en idade escolar, non dentro do recinto”. Lacaci considera que é difícil en base a que  “entre outras cousas porque está moi perseguido, en canto prenden un cigarro teñen os equipos de dirección encima, por tanto consumen fóra do recinto”.

O consumo fóra dos centros pode desenvolverse tanto arredor do centro como en espazos máis lonxe do mesmo.  “Arredor dos centros si que se consome, mais non temos constancia de que existan pequenos traficantes, “camellos” arredor de institutos ou colexios”. Porque esa era unha das preocupacións, hai anos, da maioría de pais e nais que enviaban os seus fillos e fillas aos centros escolares e eran coñecedores de que había alumnos e alumnas con problemas de adicción.

Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco.
Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco.

Fernando Lacaci si destaca que “o que temos detectado dentro da mocidade é que o principal problema entre mozos e mozas de doce a dezaoito anos é o consumo de alcohol. Logo está o consumo de haxix e marihuana e tamén drogas de deseño”.

O investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial, coincide con Lacaci en que “o primeiro problema é o consumo de alcol tanto en Galicia como España e Europa. A enquisa Estudes do Plano Nacional sobre Drogas, revela que o consumo de alcol está a niveis alarmantes. Sería un 75% de rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos, adolescentes escolarizados, e tres de cada catro recoñecen ter bebido alcol no último ano, se é no último mes estamos no 67%”. Estes niveis, segundo Rial, non conseguiron rebaixarse durante a última década.

Que drogas son as máis habituais entre a xente máis nova? Rial apunta “o tabaco repuntou tres puntos, non conseguen diminuir as cifras de consumo, no cannabis, o 26%, a cuarta droga son os hipnosedantes, ansiolíticos, que sumando os que son expedidos con receita e os que non, son case o 17%”.

Outro investigador da Universidade de Vigo, Manuel Isorna sinala que “falamos de drogas das que é difícil diminuir a prevalencia”. Isto sería as consecuencias que terían sobre a xente nova o consumo de substancias que crean adicción e poden influír negativamente no seu desenvolvemento.

POR QUE?

Reponder á pregunta de por que os mozos e mozas proban as drogas, cada vez máis novos, leva a ter en conta unha serie de variables  “Sabemos que hai presión de grupo, un factor de risco é ser submismo, estar pendente do grrupo e non saber dicir que non”, apunta Isorna. Este investigador tamén sinala a “variable familiar, con pouca comunicación, malos comportamentos familiares, de hábitos e logo está a variable social que inclúe o prezo da substancia e a accesibilidade, barato e doado de conseguir”.

Existen tamén elementos ambientais, contextuais ou se se quere, sociais, cunha alta incidencia sobre os e as menores. Eses elementos son os modelos que copian seguindo os patróns de moda reflectidos en artistas, series de TV ou videoxogos, entre outros máis.

Antonio Rial considera que existen, como dentro doutros sectores económicos, factores de interese. “A industria do alcol, a industria do cannabis, se mesmo ves series de TV, están sempre fumando, sobre todo as mulleres, logo en festivais de verán traes artistas que practicamente fan apoloxía do consumo de drogas e son xa modelos de comportamentos para adolescentes de 14 a 18 anos”.

A existencia de videoxogos que “aprenden” o cultivo da marihuana, ou os que nada máis fomentan un uso indiscriminado da violencia, sumados a factores como as variables mencionadas, crean na mente do adolescente unha mentalidade de éxito inmedianto, de satisfacción compulsiva.

“Desde a OMS avisan que haberá dúas adiccións que serán a epidemia da vindeira década, cannabis e as adiccións sen substancia, videoxogos e adicción ao xogo” sinala Antonio Rial. Mais o que Rial quere subliñar son os modelos de comportamento que seguen os e as adolescentes. “O transfondo de todo isto é un modelo de éxito que se lle vende aos máis novos. Fundamentalmente diñeiro rápido e a satisfacción compulsiva”.

SOLUCIÓNS?

A busca de solucións para frear o aumento do consumo de drogas entre adolescentes, segundo os expertos consultados, comezaría por un cambio dentro das relacións familiares, cambios no modelo de ocio para a xente nova, favorecendo aquelas actividades que non impliquen o uso de substancias que logo podan prevalecer de maneira negativa dentro do corpo do ou da adolescente.

Aumentar a presión social e mesmo de autoridade sobre os lugares onde se celebran reunións de adolescentes para beber e, tamén, consumir outras substancias. De feito Galicia ten unha das lexislacións máis duras contra a venda de alcol para xente nova, mais, como apuntan fontes consultadas, deberían traducirse en ordenanzas municipais. “O que pasa é que serían medidas impopulares e os políticos non queren  perder votos”.

En tal caso, a incidencia do consumo de drogas sobre a xente nova é un tema tan extenso que as propias autoridades, expertos e xente que traballa con adolescentes, consideran que, en caso de levar adiante accións contra este consumo, habería que incidir en todas as áreas sociais implicadas no desenvolvemento dos adolescentes.

Consumo de alcol entre adolescentes
Consumo de alcol entre adolescentes | Fonte: Pixabay.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta