A primeira fase das obras para os accesos ao CHUO estará finalizada en setembro segundo a Xunta

"O obxectivo fundamental é reforzar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario", declarou a conselleira Ethel Vázquez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2019 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou este venres que "a primeira fase das obras de mellora dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) estarán finalizadas en setembro". Así o trasladou durante a súa visita para supervisar o inicio das devanditas actuacións xunto ao xerente da EOXI de Ourense, Félix Rubial.

En concreto, a conselleira explicou que os traballos, cun investimento de máis de 47.000 euros, consisten en "a renovación do firme, a mellora da accesibilidade e a reordenación de espazos nas entradas principais aos hospitais Cristal e Santa María Nai".

"O obxectivo fundamental é reforzar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día a estas instalacións", manifestou Ethel Vázquez.

Ademais, Vázquez incidiu en que "as obras levarán a cabo coa máxima axilidade", pero tamén "co máximo coidado pensando na asistencia sanitaria". Neste sentido, a conselleira aclarou que "se delimitarán claramente as zonas destinadas á circulación, o espazo reservado para o aparcadoiro de ambulancias ou as prazas para persoas con mobilidade reducida".

OBRAS "INMEDIATAS"

As obras contemplan a construción de novas beirarrúas na entrada principal do hospital Cristal, e tamén no acceso principal e beirarrúa lateral da Santa María Nai. Ademais, actuarase sobre itinerarios peonís existentes para mellorar a accesibilidade e facilitar os desprazamentos a pé dos usuarios.

Así mesmo, a conselleira subliñou que "se trata de obras inmediatas que supoñen un anticipo a proxectos máis ambiciosos que se están impulsando desde a Xunta para executar no ano 2020 co fin de mellorar a accesibilidade e o estado do firme nas entradas dos principais centros hospitalarios públicos da Comunidade".

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en Ourense.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta