Epílogo para o "affaire" Conde Roa

A dimisión de Conde Roa suscita algunhas cuestións relevantes a respeito das circunstancias que concorreron neste episodio e, de xeito particular, o papel xogado polo propio partido do dimisionario.

Por Xesús Veiga | Compostela | 23/04/2012

Comparte esta noticia

Quen pense que o ex -alcalde de Santiago abandonou o seu cargo como consecuencia da aplicación dun estrito código ético vixente no PP atopará un conxunto de situacións que non encaixan con semellante tese.Por exemplo:o actual delegado territorial da Xunta en Ourense –Roxelio Martínez- está imputado nun proceso xudicial e aínda non foi cesado polo presidente da Xunta.Ou tamén:os alcaldes de Fisterra e Mazaricos –ambos do PP- están imputados no sumario da chamada Operación Orquesta e seguen presidindo os respectivos gobernos municipais sen asumir as lóxicas responsabilidades políticas derivadas da devandita peripecia xudicial.Pero é que, ademais, ambos políticos xa contaron coa aprobación do seu partido para ser candidatos nas eleccións locais de Maio do ano pasado cando era coñecida a súa implicación nos feitos sometidos á investigación e decisión dos tribunais de xustiza.

Por qué Conde Roa si e os demais non?A falta dunha explicación convincente de semellante incongruencia por parte dos dirixentes do PP, cabe pensar na existencia de dúas causas complementarias.Por unha banda, a singularidade do momento social e político que estamos a vivir multiplicou a gravidade do comportamento do  ex -alcalde (utilizar 300.000 euros do IVA pagado polos compradores das vivendas para resolver problemas derivados dos seus negocios) por canto alimentou a indignación en amplos sectores da cidadanía e colocou a Núñez Feijoo diante dun potencial custe electoral inasumíbel.Por outra banda, a traxectoria recente de Conde Roa na vida interna do seu partido non constituía, precisamente, un incentivo favorábel á continuidade do edil compostelán.A súa imaxe ofrecía diversos puntos vulnerábeis e destilaba unha sensación de imprevisibilidade que non resultaba compatíbel cos deseños establecidos en Montepío. 
 
O “affaire” Conde Roa permite estabelecer, polo menos, dúas conclusións relevantes de cara ao funcionamento do sistema político.En primeiro lugar, certifica a responsabilidade que contraen os partidos no momento de seleccionar ás persoas integrantes das súas candidaturas.Non coñecían os militantes e dirixentes do PP as actividades como promotor inmobiliario do seu candidato á alcaldía de Santiago?Por qué non lle solicitaron unha información veraz e completa sobre a situación da súa empresa?Non eran conscientes dos perigos de mixturar as responsabilidades do goberno municipal  cos negocios particulares, sobre todo no eido da construción?
 
 Hai outra lección que cabe tirar deste suceso.Se unha parte do corpo electoral permite co seu voto que este tipo de candidatos acaden posicións de poder será moi complicado asegurar a calidade democrática do sistema.As preguntas resultan pertinentes:cantos votantes do PP compostelán coñecían as sombras que proxectaban as aventuras empresariais do candidato Conde Roa?Despois do que ten chovido no ámbito da corrupción política, resulta admisíbel actuar cun forofismo cego a pesar dos indicios que convidan a practicar unha mínima prudencia crítica?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.