Chévere, Contraproducións e Redrum, os pratos fortes do Festival de Teatro Galego do Carballiño

Este ano cambia de nome para homenaxear ao actor falecido Celso Parada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2019 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O XXX Festival de Teatro Galego (Fetega) comeza este luns, 2 de setembro, nunha edición que durará ata o día 6 e na que se poderán ver obras como 'Curva España', a última creación de Chévere.

Este ano o Fetega se rebautiza como Festival de Teatro Galego Celso Parada, en honra ao actor recentemente falecido. "Queremos homenaxear a unha figura esencial no teatro galego como foi Celso Parada. Compañeiro, amigo, gran director, excelente actor e magnífica persoa", explicou a directora do festival, Josi Lage --que este ano deixa a dirección do festival tras 20 anos á fronte--.

Entre as novidades desta edición destaca a ampliación do festival a cinco días, en lugar de tres como na pasada edición. Ademais, o evento preséntase este ano "con prezos máis populares que nunca", con entradas a cinco euros e numerosos packs de oferta, grazas ao apoio de entidades públicas como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e empresas privadas.

As actuacións repartiranse entre o Auditorio Municipal do Carballiño, o Anfiteatro e a Casa da Cultura. O primeiro deles acollerá as obras 'Anatomía dunha serea', da compañía Iria Pinheiro (A Berbechería-Chévere); 'Compañeira de piso', de Contraproducións; 'Curva España', de Chévere; 'Idiota', de Redrum ; e, o día 6 de setembro, poderase ver a obra 'Mostruación', de Enconarte Producións, que será a encargada de pechar o festival e dar paso á gala e entrega de premios Fetega 'Dorotea Bárcena'.

Pola súa banda, o Anfiteatro servirá de escenario para as obras '4" segundos', da compañía ÍO; 'Don Gelati', de Dani García; 'Cartoóns', de Excéntricas; 'Lume' (Circo Performático), de Asacocirco e Sue Moreno 4.0 (Circo Acrobático), de Sue Moreno.

NOVIDADES

Outra das novidades desta edición é a incorporación de monólogos cómicos ao longo de todos os días do Festival, a partir das 00.00 horas, na Casa da Cultura. Os asistentes poderán ver en directo a Xan Veiga con 'Aqueles marabillosos anos', Fran Campos con 'Pai Merino'; Víctor Grande en 'A vida pasa voando' e Pepo Suevos co seu espectáculo 'Humor Salvaxe'.

Ademais, tamén se incorpora o premio ao mellor monologuista cómico. O xurado de todos os premios está sempre conformado por profesionais, nesta ocasión compono Mariana Carballal, Casilda Alfaro, Manuel Xestoso, Rubén Ríos e Leis.

Outro dos pratos fortes do festival de teatro máis antigo da Comunidade galega son as actividades paralelas. Entre elas destaca o coloquio de creadoras denominado 'Arte con nome de muller', dirixido por Inma López Silva, que levará a cabo o venres, día 6 de setembro, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura.

XXX Edición do Fetega. DEPUTACIÓN DE OURENSE
XXX Edición do Fetega. DEPUTACIÓN DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta