Os motores e os tempos do NPC

Tres militantes de base do nacionalismo de esquerdas (Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos) fan unha defensa do método asembleario para construír a nova ferramenta política do Novo Proxecto Común.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/04/2012 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

Nun manifesto remitido as esta redacción, Martínez, Rodríguez e Santos definen o proceso como de "dous tempos" onde existe un tempo electoral para crear unha plataforma electoral ampla e outro distinto que é o tempo da elaboración dunha nova organización.

None

 

O presente comunicado tamén se fai eco da nota de prensa publicada por EI, +GZ, Acción Galega e Ecogaleguistas sinalando que a amplitude do NPC vai máis alá destas siglas como amosa, segundo os autores, a participación de distintas correntes nas asembleas de base.

 

 

DOUS MOTORES DE TEMPOS DISTINTOS PARA O NOVO PROXECTO COMÚN


Nestes meses de treboada política acumuláronse diferentes opinións e moitos rexoubes, en ocasións insubstanciais, para o artellamento dun proceso político en marcha. Como tal movemento en obras precisa das achegas, individuais e colectivas, que fornezan elementos de debate concretos na procura de botar os alicerces do Novo Proxecto Común.

Os que isto escribimos sabemos que non estamos a descubrir nada que non se diga aquí e acolá. Recollemos ese murmurio, que de tan repetido comeza a ser enxordecedor, para botalo á esfera pública coa finalidade de converterse nunha panca que accione o debate colectivo.

 

Propomos rozar na ramalleira informe que é o intre de creación de calquera organización e diferenciar dous espazos con dinámicas de seu. Dous espazos interconectados pero a distinta velocidade. Dous carrís en paralelo que nos leven cara a constitución dun movemento nacional, con base protagónica na cidadanía activa, que sexa quen de se expresar na esfera política con actores, actrices e un guión común xurdidos dun escenario estritamente asembleario que agrome dende as localidades e se espalle polo país enteiro. 

 

Reparemos na imaxe dunha zanfona na que os dedos deben, por unha banda, deslizarse con axilidade polas teclas para que soe a melodía mais na que esta só se produce, pola outra banda, co xirar moito máis pausado, menos espectacular e rimbombante, do manubrio que, con constancia, acciona a outra man.

 

Como se fósemos tanxedores de zanfonas debemos imaxinar este proceso. Xebremos o que é a elaboración dunha candidatura de consenso (máis vistosa, amiga de focos e apurada polas datas) do que é a conformación dunha nova e renovada expresión política (máis subterránea, traballosa e de tempo pausado). Unha e outra manteñen unha relación biunívoca e neses vencellos cómpre poñer o acento.

 

A alianza electoral é unha urxencia para frear o desmantelamento do ben común e do minguado poder público e tamén unha referencia necesaria para quen desexe traballar, sexa cal for o seu nivel de implicación, no horizonte das posibilidades e das alternativas concretas. Responde a un intre histórico. Probablemente, nos anos pasados non sería unha fórmula válida, nin sabemos se o será na mesma cuadratura do mañá. Estamos obrigados a termos unha idea ampla das candidaturas que dea unha resposta concreta ao neoliberalismo que está a minar os dereitos e as economías dos máis. 

 

Consideramos que a amplitude desa alianza táctica vai dende a socialdemocracia cara á esquerda, nun abano xeneroso composto por diversas sensibilidades. Hai un límite temporal (a convocatoria das autonómicas) que reclama unha celeridade non por iso transmutada nun cheque en branco a determinadas maiorías ou aceptación pasiva do que digan as cúpulas.

 

A conformación das asembleas é urxente, e desde aquí facemos un chamamento a que en cada lugar do país a cidadanía, que considere necesaria a converxencia na defensa dos ataques que estamos a sufrir, comece a autorganizarse constituíndose en asembleas nacionalistas, cidadáns, ou do nome que cada grupo decida soberanamente. Este proceso precisará, por parte de todos e todas, dunha atención ben demorada, fóra de lindes temporais e de condicionantes mediáticos. O poder das asembleas constitúese dende abaixo e coa implicación dos seus axentes. Que ninguén agarde a construción dun movemento e dunha nova cultura política como un suceso ao chou, que veña dado, que estea ditado mentres nós copiamos coa cabeza agachada mirando para o papel.

 

Un guión escrito dende a cúpula, que conciba as asembleas como o lugar onde debemos aplaudir coas orellas, non concorda cos principios de construción de abaixo a arriba. Mais tamén, calquera xesto público das organizacións, deberá recoller a pluralidade (incluído o arredismo) que se está a producir arestora nas bases e que excede a catro siglas.

 

Cremos necesaria unha rexeneración que emana da experiencia da ocupación das prazas e da lectura da política como un exercicio desprestixiado. Hai que introducir novas prescricións que abrangan dende a revogabilidade e a subordinación dos cargos electos ás asembleas até a blindaxe do poder de decisións nas bases, dende o obrigado compromiso constante (e non só puntual e interesado) cos procesos asembleares até a fraternidade como cultura política, ao cabo, dende a democracia participativa á implicación do pobo mediante o traballo. Por iso, pensamos que a nova ferramenta política que se constrúa para as vindeiras eleccións debe facer pública e expresa a súa vinculación ás asembleas e debe asumir o seu carácter de medio para levar ás institucións os mandatos daquelas.

 

Non entendemos a vindeira expresión emerxida das asembleas unicamente cal se fose unha sigla. Comprendemos o nacionalismo e a esquerda real como un movemento ancho que recolla os distintos eidos de actuación. A panca política é a expresión nas institucións de todo ese movemento pero é parte igual e horizontal aos movementos sociais. 

 

Observamos un anaco do pobo ateigado de ilusión e que cre necesario elaborar un novo voceiro que evite e corrixa as eivas doutras experiencias. Hai que reflexionar en comunidade, repasando os vellos postulados e introducir ideas chegadas doutros ensaios. Precisamos erguer un altofalante mediante a afirmación dun programa e non por medio da negación do outro. Isto non é un axuste de contas. 

 

O peche deste proceso resulta unha incógnita. Non cremos nos dixomedíxomes nin no prexuízo como argumento político. Pensamos que non se pode construír o común coa mentalidade do porteiro de discoteca que, arbitrariamente, escolle quen entra e quen non entra ao club. O resultado final responderá á participación da cidadanía, ao seu protagonismo activo, e non á creación dende arriba dun receitario pechado e inamovible. O difícil é enfrontarse ao debate, á argumentación e á exposición pública do pensamento político. Primeiro deamos a batalla e despois decidamos se o desenlace resulta óptimo ao baremo particular. Toca arremangarse, poñer a funda e traballar. 

 

Asinan este manifesto Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 42 comentarios

15 Lois

O BNG debería desintegrarse para permitir que o PSOE poidera gañar as eleccións ¿A que esperan? ¿Queren outros catro anos de Feijoo?. O BNG debería non presentarse ás eleccións e pedir o voto para o PSOE. ;)

14 Indignada

A ver se o Xoan Hermida que tanto presumiu de pasar polo Obradoiro monta unha asemblea desas... ai, espera, que todo foi poñerse guapiño para a foto de oportunista cos Ecogaleguistas... cachislamar!

1 anonimo

De oprotunistas está o mundo cheo en todas partes. Se non fose así xa non habería que marchar do BNG, o cal non quere dicer que non poidan aparecer no NPC. Se non hubera tanto oportunista e vixiante do seu, outro galo cantaría.

13 comento

Ei, oquelevaoaltavoz: este é o auténtico papel que ten o BNG pra o traballo político do país: ser os palmeiros do PSOE (E así manter algún postiño pra finanzar a ...)!! Se até o di o J.L Gómez no El Pais - Ed Galicia: " ... En otras palabras: Pachi Vázquez y Francisco Jorquera, cuando menos, deben demostrar lo mismo: que tienen una alternativa conjunta y razonable para el futuro de Galicia". "Me parto"!!. Ala, Jorquera a tapar ben a Pachi, que chove!!

1 Ricardito

Pois é algo así ou temos a peste popularra por catro anos máis e o pobo non aguanta outros catro anos de miseria e paro, progres.

2 pinchorla

É evidente que a esquerda ten que se xuntar para poder parar o auxe dos populares.Moit@s dos que opinan por istes lares creo que non se dan conta que a fragmentación da esquerda beneficia ao PP. Claro que si o que se quere e ter Leiras con mando, entón está ben así, para eles.Despois que non se tiren dos pelos, cando olte a gañar o PP. Hai evidencias que son palpables.

3 O que leva o altavoz

Ben dito Ricardito. Compre fuxir dos analeses populistas que non levan a ningures ou facer analeses cos pes na realidade. A xente vota pra gobernar, non pra facer pallas mentais asamblearias horizontais. A uneca alternativa as políticas neoliberais é un pacto Bloque-SOE e a xente así vai entendelo a hora de votar, porque a cada vez son mais os que o están a pasar moi mal.

12 O que leva o altavoz

Esto das asambleas está ben como método de chegar a decisión da maioría ó poder. Está ben en fabricas, cooperativas, bairros e municipios. Mais en orgaos de decisión non deixa ser mais cunha butade pixo progre de illuminatis. As asambleas fanse interminables, manipuladas, gañan as posturas mais reaccionarias e moitas veces nunha asamblea se decide o contrario que na outra. De todolos xeitos este proxecto vai condeado ó fracaso, ademais moita asamblea e tan mais coroneis que asamblearios, só vai darlle anzos o españolismo de EU.

1 e trouxo a luz

gracias que temos xente coma ti para iluminarnos ós imbéciles que esteamos nas asambleas.seguro que non queriades dicir que unha asamblea moi grande vos exixe moito traballo para dominala?

2 Un galego que espera

Precisamos escolas de formación política e social. Precisamos un pobo informado e con canles de participación, pero logo, cando o pobo teña falado e comunicado os seus desexos en asembleas e órganos de goberno, precisamos alguén que goberne. Gobernar e decidir, apostar e arriscar. Non poden gobernat todos, como non poden gobernar usn poucos sen contar cos demais. Para todos? Estupendo, pero sexamos prácticos e non simples tertulianos.

11 comento

ISto non debe ser: que 4 persoas que só se representan a elas mesmas ("En Acción Galega: ,Teresa T. , P. Bouza ou P., R.Cuíña"), participen como grupo organizado da nada e teñan máis voz e voto que calquera outra militancia ou quye calquera das existentes agrupacións locais de apoio oa NPC. Que se unan como militantes individuais, se partillan programa e liña de acción política; se non, o ideal, que cren a súa propia forza política.

1 A linterna de Diógenes

En política os referentes sociais son moi importantes. Sempre nos preguntamos é aí quen está? quen son os promotores? cando se nosminforma de que algo está nacendo, porque segundo sexan os pais así poderan ser os desecendentes, os herdeiros. Se preguntamos polos militantes da esquerda galega non darian para pipas, entre todos. Se preguntmos polos seguidores de Beiras, por poñer un exemp,lo, encheriamos uns cantos campos de fútbol. Por iso non debemos descualificar así, alegremente, a unhas persoas coñecidas nos medios e na vida cotián porque descoñecemos cantos estarian detrás se deran un paso á fronte. É preciso probar; logo xa se verá quen habia detrás.