Os motores e os tempos do NPC

Tres militantes de base do nacionalismo de esquerdas (Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos) fan unha defensa do método asembleario para construír a nova ferramenta política do Novo Proxecto Común.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/04/2012 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

Nun manifesto remitido as esta redacción, Martínez, Rodríguez e Santos definen o proceso como de "dous tempos" onde existe un tempo electoral para crear unha plataforma electoral ampla e outro distinto que é o tempo da elaboración dunha nova organización.

None

 

O presente comunicado tamén se fai eco da nota de prensa publicada por EI, +GZ, Acción Galega e Ecogaleguistas sinalando que a amplitude do NPC vai máis alá destas siglas como amosa, segundo os autores, a participación de distintas correntes nas asembleas de base.

 

 

DOUS MOTORES DE TEMPOS DISTINTOS PARA O NOVO PROXECTO COMÚN


Nestes meses de treboada política acumuláronse diferentes opinións e moitos rexoubes, en ocasións insubstanciais, para o artellamento dun proceso político en marcha. Como tal movemento en obras precisa das achegas, individuais e colectivas, que fornezan elementos de debate concretos na procura de botar os alicerces do Novo Proxecto Común.

Os que isto escribimos sabemos que non estamos a descubrir nada que non se diga aquí e acolá. Recollemos ese murmurio, que de tan repetido comeza a ser enxordecedor, para botalo á esfera pública coa finalidade de converterse nunha panca que accione o debate colectivo.

 

Propomos rozar na ramalleira informe que é o intre de creación de calquera organización e diferenciar dous espazos con dinámicas de seu. Dous espazos interconectados pero a distinta velocidade. Dous carrís en paralelo que nos leven cara a constitución dun movemento nacional, con base protagónica na cidadanía activa, que sexa quen de se expresar na esfera política con actores, actrices e un guión común xurdidos dun escenario estritamente asembleario que agrome dende as localidades e se espalle polo país enteiro. 

 

Reparemos na imaxe dunha zanfona na que os dedos deben, por unha banda, deslizarse con axilidade polas teclas para que soe a melodía mais na que esta só se produce, pola outra banda, co xirar moito máis pausado, menos espectacular e rimbombante, do manubrio que, con constancia, acciona a outra man.

 

Como se fósemos tanxedores de zanfonas debemos imaxinar este proceso. Xebremos o que é a elaboración dunha candidatura de consenso (máis vistosa, amiga de focos e apurada polas datas) do que é a conformación dunha nova e renovada expresión política (máis subterránea, traballosa e de tempo pausado). Unha e outra manteñen unha relación biunívoca e neses vencellos cómpre poñer o acento.

 

A alianza electoral é unha urxencia para frear o desmantelamento do ben común e do minguado poder público e tamén unha referencia necesaria para quen desexe traballar, sexa cal for o seu nivel de implicación, no horizonte das posibilidades e das alternativas concretas. Responde a un intre histórico. Probablemente, nos anos pasados non sería unha fórmula válida, nin sabemos se o será na mesma cuadratura do mañá. Estamos obrigados a termos unha idea ampla das candidaturas que dea unha resposta concreta ao neoliberalismo que está a minar os dereitos e as economías dos máis. 

 

Consideramos que a amplitude desa alianza táctica vai dende a socialdemocracia cara á esquerda, nun abano xeneroso composto por diversas sensibilidades. Hai un límite temporal (a convocatoria das autonómicas) que reclama unha celeridade non por iso transmutada nun cheque en branco a determinadas maiorías ou aceptación pasiva do que digan as cúpulas.

 

A conformación das asembleas é urxente, e desde aquí facemos un chamamento a que en cada lugar do país a cidadanía, que considere necesaria a converxencia na defensa dos ataques que estamos a sufrir, comece a autorganizarse constituíndose en asembleas nacionalistas, cidadáns, ou do nome que cada grupo decida soberanamente. Este proceso precisará, por parte de todos e todas, dunha atención ben demorada, fóra de lindes temporais e de condicionantes mediáticos. O poder das asembleas constitúese dende abaixo e coa implicación dos seus axentes. Que ninguén agarde a construción dun movemento e dunha nova cultura política como un suceso ao chou, que veña dado, que estea ditado mentres nós copiamos coa cabeza agachada mirando para o papel.

 

Un guión escrito dende a cúpula, que conciba as asembleas como o lugar onde debemos aplaudir coas orellas, non concorda cos principios de construción de abaixo a arriba. Mais tamén, calquera xesto público das organizacións, deberá recoller a pluralidade (incluído o arredismo) que se está a producir arestora nas bases e que excede a catro siglas.

 

Cremos necesaria unha rexeneración que emana da experiencia da ocupación das prazas e da lectura da política como un exercicio desprestixiado. Hai que introducir novas prescricións que abrangan dende a revogabilidade e a subordinación dos cargos electos ás asembleas até a blindaxe do poder de decisións nas bases, dende o obrigado compromiso constante (e non só puntual e interesado) cos procesos asembleares até a fraternidade como cultura política, ao cabo, dende a democracia participativa á implicación do pobo mediante o traballo. Por iso, pensamos que a nova ferramenta política que se constrúa para as vindeiras eleccións debe facer pública e expresa a súa vinculación ás asembleas e debe asumir o seu carácter de medio para levar ás institucións os mandatos daquelas.

 

Non entendemos a vindeira expresión emerxida das asembleas unicamente cal se fose unha sigla. Comprendemos o nacionalismo e a esquerda real como un movemento ancho que recolla os distintos eidos de actuación. A panca política é a expresión nas institucións de todo ese movemento pero é parte igual e horizontal aos movementos sociais. 

 

Observamos un anaco do pobo ateigado de ilusión e que cre necesario elaborar un novo voceiro que evite e corrixa as eivas doutras experiencias. Hai que reflexionar en comunidade, repasando os vellos postulados e introducir ideas chegadas doutros ensaios. Precisamos erguer un altofalante mediante a afirmación dun programa e non por medio da negación do outro. Isto non é un axuste de contas. 

 

O peche deste proceso resulta unha incógnita. Non cremos nos dixomedíxomes nin no prexuízo como argumento político. Pensamos que non se pode construír o común coa mentalidade do porteiro de discoteca que, arbitrariamente, escolle quen entra e quen non entra ao club. O resultado final responderá á participación da cidadanía, ao seu protagonismo activo, e non á creación dende arriba dun receitario pechado e inamovible. O difícil é enfrontarse ao debate, á argumentación e á exposición pública do pensamento político. Primeiro deamos a batalla e despois decidamos se o desenlace resulta óptimo ao baremo particular. Toca arremangarse, poñer a funda e traballar. 

 

Asinan este manifesto Xurxo Martínez González, David Rodríguez e Manoel Santos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 42 comentarios

5 Bruar

Polo leido nos dous últimos días nos medios parece claro que as negociacións durarán alomenos dous meses máis. Algo máis claro terá que existir antes do 25 de Xullo, Día da Pátria Galega. Quizáis até perto desa data non saibamos máis acaidamente. O da zanfona é unha metáfora e un entretemento interesante, pero non estamos a falar dunha música calquera estaríamos máis ben a falar dun himno novo no nacionalismo galego. O da construcción dende as bases, tamén soa moi bonito, pero para iso haberá que facer asembleas de conxunto e non de partes. En fin, que se ve ainda algo verde o NPC.

4 trepia

Moi bonita a metáfora da zanfona, pero faltouvos un terceiro elemento: a partitura, e parece que xa a están a escribir os notables asinantes do escueto pacto. Así que, a aplaudir coas orellas todos!

3 Xanti

Desta vez coido ca dereita galega debería constituirse nun novo partido, PNG e cia. Se se fracasa sempre se pode voltar cara atrás, pero deberían intentalo.

1 Meu Reí

PNG non é de dereitas, de onde quitas iso? Onde me perdín?

2 Bandeira

Amio non foi o poder das bases?; moita frase baleira de contido real, moita parafernalia retórica para agochar pobrezas ideolóxicas,vai ao concreto, no tempo actual e na sociedade actual, que pensas do transfuguismo?; que pensas dos transfugas que conforma o denominado NPC?; son acaso novas formas de facer política?, onde queda a ética?.

1 Manuel

Si Bandeira, foi o poder das bases, por iso a metade do BNG liscou, ah non que Guillerme dixo que nos fumos catro gatos, pois entón non sei porque vos preocupades tanto polo tema. Por un lado soltades a trola diaria típica no BNG, por outroa banda contradecides a trola e todo isto amarrados á silla non vaia ser que vola quiten. Desgraciadamente o BNG convertiuse niso, nun niño de mediocres que antepoñen os seus intereses a Galiza mentres levanta o puño e se envolven na bandeira galega.

2 Manolo_

4 gatos non, aprox. o 12% do que era o BNG. Non sodes 4 gatos, non, andaredes preto do milleiro de gatos. Agora, non por moito anunciar repetidamente as mesmas baixas ides converter ese milleiro de gatos nun exército de tigres de Sandokán.

1 Artús

Coido que nin ti mesmo te crees as parvadas que soltas.