Os deberes de Gonzalo Caballero

Como conformar unha alternativa política.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 09/09/2019

Comparte esta noticia
Ó longo dos máis de tres anos desta columna mensual no GC tiven a oportunidade de pasar revista a boa parte dos problemas e forzas políticas deste país, desde o Bloque á daquela nova política pasando por expoñentes non-natos da micropolítica coma CxG; tamén sempre dun xeito ou doutro á forza que encarna en simbiose case perfecta o Poder en Galicia. Exercicio o da crítica necesario nunha democracia pero que en sociedades parroquiais coma a nosa ou se fai só a instancia de parte ou se exerce mellor coa perspectiva da distancia.
 
Curiosamente nunca se abordou eiquí nada menos có sempiterno segundón da política galega. Aquel que desde hai perto de 35 anos ata as xerais de abril encarnaba sen demasiado entusiasmo a posibilidade de alternativa, aquel formalmente chamado PSdG mais que é sentido pola súa militancia e votantes coma o PSOE a secas. Esta ausencia non foi pois  por ser precisamente un partido menor senón pola súa dificultade en ser clasificado: forza galeguista no discurso pero nos feitos fortemente dependente de Ferraz; partido teoricamente único pero na práctica federación inestable de agrupacións e de, antes coma agora, fortes caudillaxes locais; forza nominalmente autocentrada e rexeneradora  pero na práctica variable dependente dos vasos comunicantes da demoscopia española e galega. 
 
Pero vaise que desde hai uns meses o partido que máis que galego parece brasileiro na súa eterna promesa dun futuro sempre adiado, atópase na conxuntura, polas cambiantes fortunas no nivel que nese partido denomina se federal -na práctica estatal ou español-, de formar por terceira vez en 40 anos -segunda soamente polo camiño das unas- un goberno alternativo ao PPdG na persoa de Gonzalo Caballero, vencedor das primarias a Secretario Xeral e logo a Presidente da Xunta.  Nunca o Partido Popular tivo uns datos tan baixos non só nas xerais senón tamén nas municipais, coa incerteza de saber se o mandatario actual volvería recuncar, e de tódolos xeitos cun executivo xa desgastado tras tres mandatos de hiperliderado e tecnocracia. 
 
No papel, as virtudes do candidato non son poucas: da mesma idade cós líderes dos partidos en Madrid, profesor universitario con praza de funcionario antes dos 40 -coma di a miúdo, ´coa vida solucionada´ -  sendo un dos maiores expertos do neoinstitucionalismo en España e, polo tanto, cunha idea bastante desapaixonada das posibilidades de cambio inmediato debido administración que herdaría e os intereses creados logo de catro décadas de réxime monocolor.  Tamén ten o mérito de que, en vez de ter agardado tranquilamente a ocupar un cargo pola cota xenética do seu apelido, chegar a facelo pelexándose coa familia.  Ademais domina o inglés oral e escrito.
 
Fagamos pois un exercicio de prospectiva dunha realidade que pode ser certa en só uns meses.
 
Primeiro: claramente non podería gobernar en solitario. A decisión que tomaría sería sen dúbida seguido o patrón que se dirime nestes momentos en Madrid. Coa diferencia que aquí igual habería que contar con Podemos, IU, o BNG e o que quede de En Marea, se queda algo. Ademais de lidar co peso da memoria do bipartito inxustamente chamado bigoberno. Se ao final non hai coalición en Madrid podería intentar gobernar en solitario. En todo caso se houber coalición o prezo dos previsiblemente enfeblecidos parceiros (se cadra coa excepción dun algo recuperado Bloque) sería relativamente baixo polo que, coma nalgunhas comunidades se podería -e debería- articular un goberno transversal no que non haxa secretos de departamento e requira a corresponsabilidade entre as forzas a nivel de goberno e cargos executivos.
 
Acadada a aritmética parlamentaria e executiva queda o máis importante, definir por fin un proxecto de goberno que vaia máis alá das promesas en infinitivo e sen custe estimado tan propias dos programas electorais.
 
Mais cecais iso non é o importante; cando Fraga se retirou a Galicia no 89 certamente hai que atribuír boa parte da súa hexemonía nos anos seguintes á súa enorme bagaxe persoal e política. Pero había algo mais, o seu goberno soubo encarnar o que agora se chama “relato”:  Fraga foi dominante pero tiña arredor del un goberno de políticos con nome propio, lanzou campañas daquela novidosas e logo copiadas por CC.AA. e ata o Estado coma Galicia Calidade ou o propio Xacobeo, as viaxes a Cuba ou mesmo a Irán,  ata tivo a sorte de ter rivais no hemiciclo de talla coma Beiras que subían o nivel do debate e interese pola política galega...en definitiva independentemente da opinión de cadaquén sobre o finado persoeiro non cabe dúbida que nos facía sentir máis importantes como galegos do que por desgraza estamos acostumados.  Un goberno alternativo se quere durar e on ser percibido coma un arranxo temporal coma foron o tri- e o bipartito, ten que marcar esa cesura co pasado e que a xente sinta que chegou un tempo novo.
 
Aínda así os tempos onde o boato da política autonómica era dabondo para amansar ao pobo remataron ben antes a crise do 2008. Con verbenas ou visitas do Papa xa non se gañan eleccións nin se mercan vontades. O poder das palabras na época do multimedia ten rápida caducidade. Cómpren polo tanto medidas concretas. Pero tampouco moitas, porque a facenda pública xa non é o que era. Cómpre optimizar o que xa existe mais xerando optimismo.
 
Darlle liberdade á prensa, incluída a TVG, despolitizando a concesións de axudas, facer do Parlamento o centro da vida política galega, reformar o sistema educativo non para superar a Singapur senón para polo menos ser tan bos como Castela e León, usar os incentivos e o poder que si ten a Xunta para que por fin se tomen decisións – gobernar é escoller, como dixo De Gaulle- en infraestruturas coma os aeroportos ou unha política de transporte público que, coma se promete desde Madrid, é un dos piares contra o despoboamento. Tamén o próximo executivo galego vai decidir as prioridades de gasto para Galicia dos Fondos Estruturais europeos 2021-2027, que logo de tres décadas seguen a ser a maioría dos cartos dispoñibles para inversión. Ante a tentación de facer unhas contas de partido oportunidade histórica que que o Parlamento acorde o destino destes fondos para as próximas dúas lexislaturas.  Dado o perfil funcionaral do presidenciable e o programa marco mandado desde Ferraz neste eido non lle podemos agardar grandes avances na introdución da nova xestión pública, pero si en temas coma a administración dixital, a transparencia ou os servizos compartidos entre administracións.  
 
Pero ó cabo o goberno ten que ofrecer propostas de marca. Ante a mediocridade de ideas da política actual nas 17 autonomías existe grandes oportunidades de avanzar políticas distintivas, ben sexa contra o despoboamento, ou comprometéndose unilateralmente a ir máis alá dos compromisos da UE en redución de emisións, reciclaxe, eficiencia enerxética (aspectos todos eles onde Galicia está na parte de atrás dos ránkings europeos) como tamén aplicar a (e medir en) todos os ámbitos do goberno os Obxectivos de Desenrolo Sostible da ONU. Finalmente, ante a inestabilidade catalana posicionarse coma a nacionalidade histórica que busca ser propositiva sexa liderando as discusións entre CCAA previas ás Conferencias Sectoriais sexa na relación coas institucións europeas baseadas tanto na lealdade institucional coma na defensa dos intereses tanxibles dos galegos.
 
Oportunidades non faltan se se é capaz de levantar a cabeza das distraccións da política diaria. Ten que dar vertixe atoparse na plenitude da vida coa encrucillada de poder ocupar a cadeira de Castelao e cecais merecer un día estar na longa fila dos bos e xenerosos. Ou acabar integrar esoutra lista, a dun de tantos descartes nun partido de sobradas tendencias caníbales.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA