Temas: DVICIO

A Galicia de Venus e a Galicia de Marte

Que che parece a supresión do Salón Erótico Venus Galicia 2012, que ía contratar 200 persoas, por parte do Concello de Ferrol? Participa na nosa enquisa e déixanos a túa opinión.

Por Paco Gallego | Ferrol | 27/04/2012 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

None

Iso non se mira. Iso non se fai. Iso non se toca. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, agasállanos con esta versión culta do recoñecido "caca, culo, pedo, pis" dos ínclitos e inaturables Enrique y Ana. Pero para ben do equilibrio mental da cidadanía, a nena repelente Ana creceu, e con ese crecemento esvaecéronse as tardes-noites de éxito televisivo e cinematográfico do dúo. O Enrique del Pozo rematou por arrastrarse entre canles xeneralistas á procura do lixo máis televisivo posible. Xustiza poética. Así lle din.

Escolleu mal día o señor Rey Varela para darnos leccións de democracia e liberdade de prensa. Precisamente, vén de presidir a entrega do premio José Couso de Liberdade de Prensa, onde non tivo recato en dirixirse aos presentes con estas exactas palabras: “o silencio narcotiza ao cidadán”. Non debe estar o señor alcalde moi ao tanto do que ocorreu estas últimas semanas co chamado affaire Venus Galicia 2012. GC Tendencias conversou cunha persoa que falou en nome das organizadoras deste Salón Erótico.

O GC Tendencias ten aberto unha enquisa na súa páxina de facebook onde podes votar e tamén deixar a túa opinión ao respecto desta cuestión.

O Ferrol de Rey Varela non é de Venus

None

O primeiro que sorprende cando dás contactado con Carlos Carballo, quen fala en nome da organización de Venus Galicia, é escoitalo, queixoso, asegurar como os diferentes medios de comunicación non tiveron nunca o máis mínimo interese en contactalos para coñecer a súa visión dos problemas que estaban rodeando a este evento. Ata a comunicación de GC Tendencias, a versión que circulaba na cidade departamental e por toda Galicia adiante era a de que as activiades de sexo explícito eran incompatibles cos usos urbanísticos da parcela onde se atopa o recinto de Punta Arnela, FIMO. Por contra, desde o Concello de Ferrol o que estaba en discusión era a imposibilidade de desenvolver espectáculos de sexo explícito que contasen coa participación do público

Para Carlos Carballo as intencións do Concello de Ferrol están agora ben claras. Tratouse dunha estratexia de dilación para gañar tempo e acabar imposibilitando non só o desenvolvemento deste Salón Erótico en Ferrol, senon en calquera outra cidade ou poboación importante de Galicia. Non esquezamos que o investimento inicial deste evento superaba os 100.000 euros e prevíase contratar a unhas duascentas persoas. Nunha comarca como a de Ferrolterra, e nunha cidade que leva décadas en franco deterioro económico e social, a decisión de suprimir o Venus Galicia é, desde logo, dunha indecencia que non se pode nin comparar á suposta indecencia "urbanística" que debe supoñer que persoas maiores de idade, e logo de pago dunha entrada, poidan acudir a unha serie de espectáculos, visitar uns stands ou, simplemente, amosar a súa curiosidade ante as posibilidades que oferta o mundo do erotismo e da pornografía.

O certo é que o argumento da participación do público neses espectáculos previstos non se sostén e resulta moi parvo se é realmente a única argumentación legal á que acollerse desde o Concello ferrolán. Sen ir máis lonxe, no FIMO celébrase o Equiocio, que inclúe todo tipo de obradoiros participativos, o FEVINO, ou feira do viño do noroeste, que inclúe catas e mesas redondas, ou, sen ir máis lonxe, a Xira Galega de Karting anunciada para este recinto os próximos 3, 4, 5 e 6 de  maio, e onde "poderán subirse aos vehículos tanto nenos como nenas e adultos". Urbanísticamente, ao entender do noso diario -e por sentido común-, non semella haber diferenza algunha entre montar un kart, pintar un cabalo, beber un viño ou bailar nun escenario cunha artista ou cun actor de cine porno.

A Cámara de Comercio e a Asociación de Hostelaría de Ferrol e Comarca, a favor do Venus Galicia 2012

Nun partido político onde os cargos públicos hérdanse -véxanse Baltar fillo ou Ana Botella esposa- semella que a torpeza tamén. Precisamente, vivíranse momentos de tensión entre a Cámara de Comercio da Coruña, aliñada indisimuladamente coas posicións políticas conservadoras, e os representantes do Concello no Padroado do recinto feiral Expocoruña cando a súa anterior Xerente, Ana Montes, propuxo a celebración do Salón Erótico Galicia 2010. Naquela ocasión, e ao contrario desta, a Cámara de Comercio reaccionou furibundamente ante este evento, sendo salvado finalmente o evento polo apoio dos representantes do Concello da Coruña, en tempos do bipartito PSOE-BNG.

Efectivamente, tanto Cámara como Asociación de Hostelaría consideran gravísima esta supresión, por canto a cidade ferrolá ía colgar os letreiros de "completo" para a fin de semana do Venus Galicia. Á estragada posibilidade, ademais, de atraer a un público ben diferente ao que acude cada ano a gozar das representacións e procesións de Semana Santa, súmase o recoñecemento por parte da entidade cameral de que o FIMO podería chegar cedo a unhas perdas de 400.000 euros. Máis leña ao lume da desesperanza e a falta de futuro para a cidade departamental.

Pero non é insólito este comportamento gravoso para os intereses económicos dos cidadáns e cidadás de Ferrolterra, o atentado contra a liberdade das persoas é ademais extremo. Por isto resulta insultante escoitar a un alcalde que non ten reparo en pechar os espazos públicos da súa cidade para uso exclusivo de celebracións relixiosas e que á súa vez non permita, non soporte, non ature nin durma tranquilo porque unha serie de persoas adultas acuden tranquilamente a gozar dos espectáculos que lles resultan de interese. Eróticos, pornográficos, humorísticos, satíricos. O que sexa. Exercendo a súa liberdade sen coutar a dos demais. Niso consistía a democracia coa que tantas e tantas veces hai quen se enche a boca.

O nacional-catolicismo ideolóxico dunha boa parte dos cadros do Partido Popular chega a tal extremo que provoca trabadas de lobo e/ou loba entre os mesmos compañeiros e compañeiras de conservadurismo gobernante cando un deles, sen impostura algunha e sendo coñecido cargo público dunha cidade galega, recoñece a súa atracción polas persoas do mesmo sexo e outra persoa do mesmo partido, e do mesmo goberno, non se recata en amosar ante quen queira mirar o seu menosprezo, cando non desprezo literal, unicamente porque esta última pertence a esas ideoloxías ou visións extremas do catolicismo máis intransixente, bárbaro e iletrado que tan ben coñecemos por estes lares. A algún  só lle faltaba ser "galeguista" para caer no inferno de Dante.

E o Presidente de todos os galegos e galegas, Don Alberto Núñez Feijoo? Que opina este home que goza vendendo liberalismo actitudinal en canto á intimidade das persoas e ás súas relacións de parella, moi ao contrario do seu anterior xefe e predecesor no cargo Don Manuel Fraga, defensor da pureza contra o imperio do profiláctico? Poñamos que se participase na enquisa de GC Tendencias premería o botón de Éme indiferente/non sei. Como sempre.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 jivaro

Non sei que teima ten o Sr. Gallego con isto... un exemplo de ata onde se poden forzar uns feitos para construir unha noticia que só está na mente de quen a escribe. Se a noticia que se quere dar é "estes do PP son uns 'mojigatos' que se escandalizan por calquera tema sexual pero que apoian as matanzas sádicas de bois, a veneración pública de imaxes sanguentas e a euxenesia do populacho a través dos recortes"...

1 jivaro

Se a noticia que se quere dar é esa, pois síntoo pero non: a mesma negativa podería térllela dado outro partido. Ademais, a falta de rigor do artigo é de traca, e só resta pensar que o autor está ao servizo da promoción do tema ou non ten olfato para ver que algo cheira sempre nas persoas que están detrás destas historias ("organizado por María e Nuria, da empresa Boys & Girls"... pero quen pode acreditar que María e Nuria non son Manolo e Pepe, de profesión chulosp***s? Entrou o Sr. Gallego na web?) A que tipo de xente está dando voz GC?

2 FartodeTrolls

Vaia! Caramba! La Voz tamén caeu na trampa e a falla de rigor! Vaia por dios! Mellor Sr.Jivaro, vaia a intentar desacreditar e a dar leccións a outro sitio. La Voz de hoy: "Los trabajadores de FIMO también piden la celebración del salón erótico Venus Galicia...La empresaria de Boys & Girls, una de las organizadoras del salón erótico Venus Galicia, ha reclamado al alcalde...blablaba" Eso sí. En castellano. Para que lo entienda usté señor Jivaro.