A rata sobre o tellado de cinc

Veño de estar en Vitoria-Gasteiz participando como docente nun máster organizado pola Fundación Zaín e destinado a arquitectos, enxeñeiros, historiadores da arte e arqueólogos.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 01/05/2012

Comparte esta noticia

 Os debates foron máis que enriquecedores. A miña misión era amosar a potencialidade da Etnoarqueoloxía da Arquitectura para rachar certos prexuízos que manexamos á hora de deseñar e estudar un edificio. Deste xeito, a Arquitectura contemporánea segue baseándose nun funcionalismo irredento, dacordo co cal priman conceptos tan propios do capitalismo como a maximización de beneficios, a minimización de costes e a amortización do espazo.

A miña misión consistiu en amosar que non sempre foi así, e que a arquitectura doméstica dunha comunidade obedece a unha determinada lóxica social e a un patrón de racionalidade concreto. No mundo dos castros, por exemplo, podemos calibrar o clima, as condicións medioambientais, a disposición de materiais primas, a tecnoloxía dispoñible... pero esas variables non nos chegan para explicar por que as choupanas son de forma redonda ou por que se detecta unha certa alerxia a compartir espazos comúns.

Do mesmo xeito, a arquitectura postmoderna de Galicia non se pode abordar dende esa óptica que adoita predominar nesas liñas editoriais que falan do “feísmo”, da “Galicia bonita” e cousas así. Non só a Administración esquece o tipo de sociedade que administra, obviando que as comunidades galegas están sempre máis perto do Decamerón ca do Correctione Rusticorum. A uralita de remendo na cuberta de colmo dunha palloza ancaresa non é “feísmo”; é un reflexo dun determinado concepto de Modernidade e de Progreso, non moi alonxado do vixente na África subsahariana.

En Etiopía, as vilas ao carón das pistas de terra (paseniñamente reconvertidas en estradas por construtoras chinesas) comezan a abandoar os modelos de vivenda tradicional, incorporando a pranta retangular, as chaves, os candados, a portas de aluminio e a cuberta feita nun material que devala entre a uralita e o cinc e que alí chaman corcoro. Tamén as casas de estrada que inzaron Galicia entreséculos (XIX e XX) foron en grande medida obra de indianos retornados que tiñan no seu maxín unha determinada imaxe de progreso. Entre os grupos étnicos arredados de Etiopía occidental comezan a chegar estes tempos modernos. A ninguén se lle escapa que facer este tipo de casa nova é un símbolo de ostentación social, unha estratexia de emulación de modelos urbáns. Non ten nada que ver cunha arquitectura racional.
 
Poñámonos no caso dunha familia da etnia oromo, propietaria de terras, traballadas polos arrendados da etnia mao. Mentres estes seguen coas súas choupanas tradicionais, os señores da terra oromo fan un investimento enorme para adquiriren eses carísimos tellados de cinc. Os custes de desprazamento deses materiais procedentes da capital son abraiantes. Dende un punto de vista arquitectónico ese tellado non ofrece ningún beneficio, todo o contrario. Na abafante estación seca, este tipo de cuberta incrementa en 10 ºC a temperatura interior da casa, converténdoa nun auténtico forno infernal. Doutra volta, cando refresca, sobre todo no altiplano etíope, non ailla nin quece o máis mínimo. Pola contra, a choupana de toda a vida é unha solución perfeita ás condicións medioambientais desas terras, tal como acontecía coas pallozas ancaresas noutrora. A casa rectangular con tellado de cinc é un símbolo de status (como o granito rosa de Porriño dos neonarcopazos galegos) e de modernidade. As escolas, os Parlamentos, os bancos, os cuarteis militares e os edificios administrativos son desta guisa. A liña recta e o corcoro son o Poder. Que razón teñen os asturianos que sempre pensaron que o demo habita nos currunchos, nas esquinas.
 
Franza vén de ordear a busca e captura de Teodorín Obiang, o idiota multimillonario-herdeiro do sanguinario sátrapa de Guinea Ecuatorial. Refuxiado no seu pazo de Bata, adícase a percorrer o país en coches de luxo, de punta a punta, agasallando con cadanseu tellado de cinc a cada casa fidel ao Rexime. O curioso deste fenómeno é que Teodorín nada nun mar de petróleo e de gas. Podería agasallar aos seus concidadáns cos beneficios desa depredación, con traballo, con educación, con sanidade, con liberdade… Pero non, na Guinea dos Obiang non hai mellor mostra de avance e de progreso ca un tellado de cinc. Asemade, a comitiva de Teodorín leva tamén remolques cheos de cartos, que son repartidos aos militantes do Partido Democrático de Guinea Ecuatorial de cada poboado. De paso, obrigan á xente a delatar a todos aqueles veciños que non estean afiliados ao Partido do Estado. Nada diferente, valla a redundancia, ao acontecido na República baltárida cos fondos europeos durante décadas. Así temos a Baltarín querendo saber quen denunciou á Deputación de Ourense perante Europa. Ordem e Progresso.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA