Os socialistas buscan un "grande acordo industrial" que impulse a dixitalización e as novas tecnoloxías en Galicia

Por E.P. | VIGO | 09/09/2019 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apostou este luns por promover un "gran acordo industrial" en Galicia, para impulsar a dixitalización e o uso de novas tecnoloxías ao servizo deste sector. Así o trasladou, durante unha visita á sede de Asime, con motivo da celebración da Feira Midtech, e na que estivo acompañado polo secretario de Estado para o Avance Dixital, Francisco Polo.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, co secretario de Estado de Avance Tecnolóxico, Francisco Polo, e responsables de Asime
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, co secretario de Estado de Avance Tecnolóxico, Francisco Polo, e responsables de Asime | Fonte: Europa Press

Gonzalo Caballero reafirmou o "compromiso" dos socialistas co sector industrial, e valorou que o Goberno de Pedro Sánchez "desenvolve unha política industrial activa", con criterio, compromiso e contidos, e impulsada de forma transversal por todos os ministerios con contido económico.

O líder dos socialistas galegos lamentou que os datos poñen en evidencia que o sector industrial de Galicia "perde impulso", cando o avance en dixitalización e o uso de novas tecnoloxías "teñen que ser referencia" no futuro industrial da comunidade.

"Queremos facer un chamamento aos sectores económicos para un gran acordo industrial, un acordo para potenciar o sector industrial", proclamou Caballero, quen apostou por dar "as mellores redes institucionais" ás empresas, e facelo "en coordinación co Goberno".

Pola súa banda, o secretario de Estado lembrou que a dixitalización foi un dos eixos de traballo do Goberno central, e tamén o será na próxima lexislatura se Sánchez volve gobernar.

A ese respecto, lembrou unha das medidas mencionadas polo presidente no seu discurso de investidura, o plan 'España Nación Emprendedora', e subliñou que esta iniciativa, cun horizonte a dez anos, persegue pór a tecnoloxía ao servizo da industria, transferir o incremento de produtividade das empresas tecnolóxicas a outras industrias e pechar así as "fendas dixitais", de xénero, de idade ou territoriais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta