A reasignación de fondos europeos para o dragado da ría do Burgo fai que a Xunta pida un informe ao Goberno

A Consellería de Infraestruturas apunta que a comezos do presente ano 2019 a Xunta propuxo que se reasignasen fondos "inexecutables" de depuración na Comunidade galega a dito proxecto.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que remita información oficial sobre a petición efectuada a principios deste ano pola Xunta para a reasignación de fondos europeos destinados ao dragado da ría do Burgo, na Coruña.

A través dunha carta dirixida ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a conselleira do ramo, Ethel Vázquez, demanda ao Goberno central que informe os "avances" do proxecto de rexeneración da ría do Burgo.

Segundo destaca o Executivo autonómico nun comunicado emitido este martes, Vázquez sinala na súa misiva a "necesidade" de completar a rexeneración da ría a través dun dragado ambiental, actuación que, segundo lembra, é de competencia estatal.

Neste sentido, apunta que a comezos do presente ano 2019 a Xunta propuxo que se reasignasen fondos "inexecutables" de depuración na Comunidade galega a dito proxecto, unha petición que "a día de hoxe" non foi contestada "de maneira oficial" por parte o ministerio.

Así, Infraestruturas asegura que "só" teñen constancia do documento sometido a consulta previa a través da páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Nel, continúa a Xunta, figuran "modificacións que permitirían como financiables medidas que posibilitarían acometer o dragado, pero non aparecen a desagregación dos proxectos a financiar".

Por último, a titular do ramo destaca que o saneamento das rías é "prioritario" para o Goberno autonómico, que investiu 100 millóns de euros na "eliminación" das verteduras de augas residuais na ría do Burgo.

Ría do Burgo
Ría do Burgo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta