Temas: BANCA BNG PP

O PP rexeita as propostas do BNG para evitar os abusos das entidades financeiras aos consumidores

A iniciativa pedía pór en marcha un programa específico de formación en materia financeira e de prevención dos abusos bancarios, e avaliar o impacto en Galicia da aplicación do Código de boas prácticas bancarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

O Partido Popular rexeitou este martes unha batería de medidas propostas polo BNG para evitar os "abusos" por parte das entidades financeiras aos consumidores e avaliar o cumprimento en Galicia do código de boas prácticas bancarias.

Amador Pereira, fronte a sucursal do BBVA no centro de Vigo
Amador Pereira, fronte a sucursal do BBVA no centro de Vigo | Fonte: © Miguel Nuñez

A encargada de defender a iniciativa foi a parlamentaria nacionalista Noa Presas, quen criticou que nos últimos anos o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se limitase a "asentir a toda a política financeira posta en marcha desde o Estado e as institucións europeas", "aliñándose cunha reestruturación bancaria desfasada".

Neste sentido, Noa Presas, que lembrou conflitos como os das preferentes ou o das cláusulas solo, considerou que o "fracaso do marco legal de protección" dos consumidores e a "inacción da Xunta" profundou nunha situación cuxas consecuencias tamén se deixan ver no "peche de oficinas e a perda de emprego no sector". Todo iso, indicou, "favorecendo a exclusión financeira" de moitas localidades de Galicia.

Así, a iniciativa pedía pór en marcha a través do Instituto Galego de Consumo e da Competencia un programa específico de formación en materia financeira e de prevención dos abusos bancarios; avaliar o impacto en Galicia da aplicación do Código de boas prácticas bancarias.

Ademais, avogaba por estudar medidas para reducir a "potencial exclusión financeira dos galegos polo peche das oficinas bancarias sen que iso supoña o aumento do traspaso dos recursos económicos da administración pública ás entidades financeiras privadas".

Estas tres medidas, rexeitas polo PPdeG, contaron co apoio de toda a oposición. Con todo, o Partido Socialista —que solicitou a votación por puntos— se abstivo nos apartados que pedían impulsar unha banca pública galega, así como negociar coas entidades financeiras a aplicación efectiva das contas de pago básicas, este último engadido ao texto orixinal da iniciativa a través dunha emenda defendida polo deputado do Grupo Mixto Francisco Casal.

REXEITAMENTO DO PPDEG

En fronte, a deputada do PPdeG Cristina Romero censurou que o BNG rexeite que se invista diñeiro público en "garantir un servizo que facilita a vida das persoas" pero si apoie destinar fondos a "estudos e avaliacións de normativas recentemente implantadas".

"A regulación, control e supervisión das entidades financeiras é unha competencia estatal e europea", lembrou a parlamentaria do PP, que subliñou que a Xunta, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) "garantirá" que as localidades galegas conten con "un caixeiro automático" para que os veciños poidan realizar as súas xestións.

Ademais, subliñou que o seu grupo estará ao "carón" de todos os afectados por abusos bancarios.

Temas: BANCA BNG PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta