Temas: INDITEX

Inditex deixa de ser unha das 100 maiores empresas do mundo

As líderes son tecnolóxicas estadounidenses.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/09/2019 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

Inditex, ao igual que o Banco Santander, abandonou a clasificación das 100 maiores empresas do mundo, polo que non hai ningunha do Estado español nesta clasificación.

Sede de Inditex en Arteixo (A Coruña).
Sede de Inditex en Arteixo (A Coruña).

As 100 maiores empresas do mundo alcanzaron unha valoración bolsista conxunta de 19,08 billóns de euros a peche do primeiro trimestre do ano, un 5% máis que a 31 de marzo do ano pasado, segundo un informe elaborado pola firma de servizos profesionais PwC.

Malia esta nova marca, a consultora alertou de que o incremento é menor ao observado o ano pasado, cando a valoración en Bolsa se elevou un 15% con respecto ao ano anterior, o que "pon de manifesto unhas condicións de mercado máis incertas e complicadas".

A alza na valoración das empresas débese, sobre todo, ao impulso das firmas de Estados Unidos. Entre as maiores 100 compañías atópanse 54 radicadas no país norteamericano, aínda que aglutinan o 63% deses 19,08 billóns de euros.

"China continuará ascendendo en relevancia nesta liga dado o potencial de unicornios que é capaz de xerar, así como a súa fortaleza no sector tecnolóxico", subliñou a socia responsable de Mercado de Capitais de PwC, Rocío Fernández Funcia.

No 'top 10' volven repetir como líderes as compañías tecnolóxicas. En concreto, Microsoft situouse como a empresa máis valiosa en Bolsa a 31 de marzo deste ano, con 905.000 millóns de dólares (819.575 millóns de euros). En segundo lugar, situouse Apple, con 896.000 millóns de dólares (811.425 millóns de euros), seguida de Amazon, con 875.000 millóns (792.407 millóns de euros) e Alphabet, matriz de Google, con 817.000 millóns de dólares (739.856 millóns de euros).

Na quinta posición estivo Berkshire Hathaway, o vehículo de investimento de Warren Buffett, que alcanzou unha valoración de 494.000 millóns de dólares (447.355 millóns de euros). En sexto posto, situouse Facebook, con 476.000 millóns (431.054 millóns de euros).

Seguidamente situáronse Alibaba, con 472.000 millóns (427.432 millóns de euros), Tencent, con 438.000 millóns (396.642 millóns de euros), Johnson & Johnson, con 372.000 millóns de dólares (336.863 millóns de euros) e ExxonMobil, con 342.000 millóns (309.696 millóns de euros).

Temas: INDITEX
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta