É posible facer unha folga co 100% dos servizos mínimos?

A CIG denuncia que isto é o que está acontecendo no Aeroporto de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O comité de folga de traballadores do Aeroporto de Santiago denunciou este mércores os "abusivos" servizos mínimos decretados por Aena, do 100%, en cada unha das tres xornadas de paro convocadas para os días 13, 20 e 27 de setembro.

Segundo informou a CIG a través dun comunicado, os traballadores entenden que, con esta decisión, "a empresa pública vulnera o seu dereito" a folga e avanzaron que recorrerán para que o decreto "sexa anulado".

O comité asegurou que "é a actitude de Aena a que provocou esta convocatoria de folga, por ignorar as súas demandas e por nin sequera recibilos para tratar de achegar posturas". Unha actitude "similar" á que "mantivo a empresa pública á hora de decretar estes servizos mínimos", xa que "non fixo intento algún por sentar a negocialos".

Pablo de Prado, portavoz do comité de folga, lembrou que a orixe desta convocatoria está na "decisión unilateral de Aena" de "non sacar a concurso a cantina" do aeroporto, "suprimindo así un servizo que para o persoal, que traballa na súa maioría en condicións precarias, é imprescindible".

"Sen o servizo de cantina, os traballadores do aeroporto terán que gastar o dobre do que pagaban por un café, un bocadillo ou unha comida", destacou.

Do mesmo xeito, os traballadores denuncian a "cada vez maior precariedade e temporalidade que se está instalando no sector aéreo, o constante aumento da carga de traballo sen o correspondente aumento do cadro de persoal nas empresas afectadas, o incumprimento de cobertura das necesidades de persoal en horario nocturno" ou "a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto", entre outras cuestións.

Terminal de Lavacolla, en Santiago
Terminal de Lavacolla, en Santiago | Fonte: AENA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta