Jácome insiste na existencia dunha "mafia policial" logo do seu xuízo por un incidente cun axente

Os feitos xulgados, coñecidos tras circular un vídeo polas redes sociais, desencadeáronse despois de que Jácome se puxese diante do vehículo do axente, fóra de servizo, e lle recriminase aparcar nun vao no acceso principal do Pavillón dos Remedios, invadindo a saída de emerxencia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2019 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volveu a insistir este mércores na existencia dunha "mafia policial" dentro do corpo de axentes locais. Fíxoo á súa saída do xulgado despois da vista na que o rexedor e un exedil de Democracia Ourensá, Telmo Ucha, acusaron a un policía de intento de atropelo nas inmediacións do pavillón dos Remedios.

A sala de vistas do Xulgado de Instrución número Dous de Ourense celebrou este mércores, a porta pechada, o xuízo polo incidente, ocorrido o 14 de febreiro de 2019 entre o actual alcalde, que por aquel entón estaba na oposición, e un axente de Policía Local. Neste contexto, o alcalde mantivo á súa saída dos xulgados que o comportamento do axente é "intolerable" e aínda máis a súa "escusa", ao dicir que "circulaba amodo porque había peóns diante".

Minutos antes do inicio da vista oral, Jácome asegurou que "da xustiza só espera xustiza" e "máis aínda" ao tratarse dun axente que é o "exemplo claro de mafia policial", segundo criticou, porque "estivo condenado a dous anos de cárcere por falsificación de multas", un delito que "o Concello deixou prescribir para que non fose suspendido de emprego e soldo".

O axente tamén acusou a Jácome e a Ucha dun delito de coaccións reiteradas e por unha situación de acoso. "Vimos solicitar amparo xudicial fronte a unha situación esperpéntica e desatinada", declarou Luís Coello, o letrado do policía á súa entrada ao Xulgado.

O xuízo celebrouse a porta pechada, sen a presenza dos medios de comunicación, ao entender a súa señoría que polo "cariz dos acontecementos" e o "obxecto de enjuiciamiento" esta decisión era "a mellor".

FEITOS

Os feitos xulgados, coñecidos tras circular un vídeo polas redes sociais, desencadeáronse despois de que Jácome se puxese diante do vehículo do axente, fóra de servizo, e lle recriminase  aparcar nun vao no acceso principal do Pavillón dos Remedios, invadindo a saída de emerxencia.

Durante a vista, os representantes de Gonzalo Pérez Jácome e Telmo Ucha solicitaron a libre absolución dun presunto delito leve de coaccións e, a maiores, o avogado de Jácome pediu a condena do axente a 30 días de multa, a razón de 30 euros, por un presunto delito de intento de atropelo. Cabe lembrar que o exedil Telmo Ucha xa retirara con anterioridade a acusación por intento de atropelo contra a súa persoa.

Por parte da defensa do axente solicitan a libre absolución polo citado intento de atropelo e a condena de Jácome e Ucha por un delito leve de coaccións, a multa de tres meses a razón de 150 euros ao día no caso de Jácome e 20 euros ao día no de Ucha, en base aos ingresos que cada un percibe.

Ademais, o letrado Luís Coello solicita que indemnicen na cantidade de 3.000 euros polo dano moral ocasionado ao axente da Policía Local, pedindo a responsabilidade solidaria de ambos, ademais da responsabilidade subsidiaria do grupo municipal de Democracia Ourensá.

APERTURA DUNHA INVESTIGACIÓN

Á súa saída da vista, o rexedor municipal centrou a atención no feito de que o Policía Local recoñecese ante o xuíz, afirmou, que non foi sancionado por aparcar incorrectamente sobre un vao. Neste sentido, Jácome cualificou de "intolerables" que non se sancionase ao axente, como si ocorreu co actual rexedor. "É dicir, eu paro alí o coche para denuncialo a el e a Policía Local denuncia ao denunciante pero non ao denunciado", explicou.

Neste sentido, o alcalde anunciou que abrirá unha investigación para "depurar responsabilidades", xa sexa contra "a xefa da Policía Local ou os seus subordinados", porque "neste xuízo constatouse a existencia dunha mafia policial".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Hai xente que estaría moito mellor detrás dun mostrador. Para outras cousas, non vale. Montar líos por cousas intrascendentes amosa cal o nivel dalgunha xente. ¿Seica algúns pensan que ese homiño é unha " alternativa" a algo ?