O BNG recrimina o "peche de camas" do Sergas no verán e Almuíña destaca a "elevada" actividade

Almuiña replicou que o Sergas traballa "pola estabilidade no emprego" e conta co persoal medio diaria de profesionais "máis alta do último decenio".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2019 | Actualizada ás 20:42

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Montse Prado recriminou  este mércores o "peche de camas" no ámbito sanitario galego durante os meses de verán, ao que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, respondeu que o Sergas planifica os recursos asistenciais en función da demanda da cidadanía e destacou a "elevada" actividade desenvolvida no período estival. "Durante os meses de xullo e agosto realizáronse 422 intervencións cirúrxicas máis que en 2018 e aumentaron en 544 as intervencións en cirurxía ambulatoria", sinalou.

Ademais, apuntou que a porcentaxe de ocupación nos meses de xullo e agosto foi dun 75,60 por cento, mentres que a porcentaxe de camas "funcionantes" para o período estival, de xullo a setembro, é do 88,3 por cento.,Ademais, insistiu en que as camas "non se retiran das habitacións", senón que "están preparadas todo o verán e listas para ser usadas cando os pacientes as necesitan".

ESTABILIDADE LABORAL

Por outra banda, fronte ás críticas de Paula Vázquez Verao, do Grupo Mixto, Almuiña replicou que o Sergas traballa "pola estabilidade no emprego" e conta co persoal medio diaria de profesionais "máis alta do último decenio".

O conselleiro repasou o contido das medidas do plan de estabilidade negociado cos sindicatos e defendeu que Galicia é "a única autonomía que mantivo as convocatorias anuais de OPEs, esgotando a taxa máxima de reposición e ampliándoa ata o 108 por cento.

Sala de espera do Sergas. XUNTA - Arquivo
Sala de espera do Sergas. XUNTA - Arquivo

POLÍTICA SOCIAL

A conselleira de Política Social, Fabiola García, cifrou en 3,4 millóns de euros a cantidade que a Xunta destina ao programa de acollemento familiar, que se desenvolve en colaboración coa Cruz Vermella. Esta cantidade, segundo indicou en resposta a unha cuestión formulada no pleno pola popular Marta Rodríguez Arias, "consolida a subida do 40 por cento introducida no exercicio pasado". Tanto a parlamentaria popular como a propia conselleira destacaron o papel das familias acolledoras e agradeceron o seu "altruísmo".

Desde 2009 incrementouse en case 11 por cento o número de familias galegas que participaron neste programa. Así mesmo, a conselleira concretou que en 2019 o banco de familias dispostas a recibir temporalmente a un menor en situación de especial vulnerabilidade ascendeu a 317 e rexistráronse 281 acollementos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta