Yolanda Díaz acusa a Pedro Sánchez de estar desde hai meses "en campaña electoral"

"Pasamos dun Pedro Sánchez que dicía que non a Rajoy a un Pedro Sánchez que di non á esquerda" declara a portavoz de Galicia en Común.

Por Galicia Confidencial | | 13/09/2019 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A portavoz de Galicia en Común e deputada de Unidas Podemos, Yolanda Díaz, considerou este venres que a "nova" negativa de Pedro Sánchez a negociar con Pablo Iglesias demostra que o presidente en funcións leva "meses en campaña electoral".

Os deputados de Galicia en Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz; e o senador José Manuel Sande. GALICIA EN COMÚN
Os deputados de Galicia en Común Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz; e o senador José Manuel Sande. GALICIA EN COMÚN

Nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela, Díaz lamentou que onte Pedro Sánchez volveu pechar "o diálogo" por rexeitar a oferta do líder de Podemos orientada a poñer en marcha un Goberno de coalición que estaría a proba ata a aprobación dos orzamentos.

"Pasamos dun Pedro Sánchez que dicía que non a Rajoy a un Pedro Sánchez que di non á esquerda" polo que esta novo peche "ao diálogo revela que o señor Sánchez leva meses en campaña electoral" dado que a escusa referente a unha falta de confianza entre os partidos, ao seu entender, non é certa.

En opinión da política galega, a oferta lanzada desde Unidas Podemos "era unha proposta de país e garantindo a estabilidade" á que desde o PSOE dixeron que non porque, sostén, non entenden que " acabou o bipartidismo; o erro está en pensar que podemos volver ao século  XX" mentres todas as sondaxes evidencian que os cidadáns españois buscan "pluralidade".

Yolanda Díaz cuestionou que mentres os votantes evidenciaron que queren un Consello de Ministros "plural", desde o PSOE "condénasenos a non poder ser unha democracia madura como nos restantes países europeos" nos que é habitual a existencia de gobernos de coalición.

Nos comicios de abril, defendeu a deputada de Unidas Podemos, a xente demostrou que "quere diálogo e pluralidade" polo que estas peticións han de ser escoitadas e  máxime  ante o risco de que o "10 de novembro poida ser a antítese do 28 de abril" polo " cansanzo" electoral.

Baixo esa premisa, Díaz considera que forzar unha repetición electoral é "irresponsable" por parte do PSOE en tanto que as enquisas evidencian que "no mellor caso repetimos escenario e no peor entregamos as chaves da Moncloa ás tres dereitas".

No mesmo sentido, o tamén deputado de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, criticou que ata a data o único que demostrou Pedro Sánchez é que "quere gobernar  antidemocráticamente" porque busca gobernar en solitario cando "non está lexitimado" para iso debido a que lle faltan "50 deputados".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta