Marful ofrece un concerto íntimo na Fábrica de Sargadelos

Marful entra no templo da arte fabril galega: a Fábrica de Sargadelos, nun concerto limitado a corenta persoas de público e que forma parte da súa Xira Surreal 2012.. A presenza musical de Marful comezará ás 20:30h en punto e rematará ás 22h.

Por Paco Gallego | Fábrica de Sargadelos - Cervo - Lugo | 04/05/2012 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

None

Un dos mais grandes guitarristas de flamenco, Marcos Teira, o mestre do acordeón diatónico Pedro Pascual, o exquisito clarinetista Pablo Pascual e a voz que arranca das entrañas, a multifacética Ugia Pedreira, conforman este arquipélago de existencias musicais.  

Marful arrinca este 2012 coa súa  Xira Surreal chea de beleza e cariño. Un percorrido polos lugares máis paradisíacos da xeografía galega. Unha proposta de achegamento ao público do país porque “Sempre hai público para unha boa música. Sempre hai corazón para un bo sentimento”. Namorados do patrimonio civil e da arquitectura, como o mostran nos seus discos, deciden e elixen os lugares donde atoparse en cadeas persoais singulares, espazos únicos e momentos exclusivos. Desfrutando da poética e historia dos espazos a través do potencial maior, a emoción que move o mundo: o amor. A poesía e o amor extensíbel a toda forma de vida.

Ver vídeos da súa Xira Surreal.

None

Marful confía plenamente no público galego mais alá dos palcos dos teatros e auditorios, que tamén. Do público que acepta desfrutar do reducido, das pequenas cousas. Marful elixe aventurarse e achegarse á xente en lugares singulares, unindo turismo cultural e música, combinando o sano minifundismo galaico con ideas sociais avanzadas. Soñando e xogando a vida en cada actuación, estas “presenzas musicais” de Marful tratan dun coñecemento sobre eles mesmos e sobre os seus oíntes cos que desexan fundar, se é posíbel, relacións máis profundas que a aparencia. Por iso lles ofrecen a súa presenza próxima, nun formato coidado e exclusivo, para que dunha maneira íntima e atenta os poidan escoitar cantar, tocar, falar, respirar, degustar, emocionarse e suar.

Nesta “Xira surreal” Marful percorrerá mosteiros, illas, muíños, conserveiras, museos, granxas, bodegas, pazos, torres, fervenzas, castelos, fábricas… ofrecendo en cada espazo o mellor de si: a súa música, a súa presenza. E, de acompañamento, os mellores produtores e produtos gastronómicos de cada zona, arredor dos que se atoparán artistas e público. Os aforos serán limitados; as músicas e as presenzas non. Ofrecerán o mellor dos seus dous discos e algunhas xoias a maiores, e partillarano todo coa maxia dos diferentes lugares, en acústico ou semiacústico.

O GC Tendencias continúa ampliando a súa rede social. Se queredes estar ao tanto das últimas novidades, gozar con galerías de fotos exclusivas, vídeos de creación propia e agasallos e sorteos, seguídenos no facebook GC Tendencias e no twitter @GcTendencias.

Tags: #Música
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta