Galeguismo en Morgadáns

Hai territorios que se caracterizan pola súa singularidade; este é o caso da parroquia gondomareña de Morgadáns que, desde o ano 1932 é unha Entidade Local Menor.

Por Xosé Glez. | Redondela | 07/05/2012

Comparte esta noticia

 Este recoñecemento xurídico-administrativo ten antecedentes na lexislación no século XIX e na tradición do galeguismo que sempre avogou polo recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia. Actualmente en Galicia hai nove entidades locais menores que teñen goberno propio, orzamento e competencias asignadas pola Lei de Administración Local de Galicia. Entre elas está a defensa do seu patrimonio ( art. 165), que abranxe o material, cultural e lingüístico.

 
Falar de Morgadáns e da Serra do Galiñeiro é falar dun mesmo territorio. Ali tivo escola Victoriano Taibo, un mestre galeguista que deixou a súa fonda pegada nos homes e mulleres que hoxe, xa maiores, lembran con agarimo as ensinanzas daquel pedagogo que lles daba as leccións en galego, motivándoos no amor a Galicia. Asi nolo recordan Severino Chamadoira e Clotilde Moreira, dous dos seus alumnos que acudiron á escola levantada polos emigrantes no Uruguay. A memoria do egrexio pedagogo e galeguista recuperouna o Instituto de Estudos Miñoranos nunha publicación monográfica.
 
A semente do seu amor patrio vai agromar o próximo día 13 na igrexa de Santiago-Gonda, ás 12:30 horas, nun acto de reafirmación galeguista no que serán protagonistas os veciños da parroquia e o goberno da Entidade Local Menor. A convocatoria está feita pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e conta coas adhesións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e tamén da Fiscalía Superior de Galicia e Real Academia Galega, que actuarán de notarios na sinatura de “Declaración de Vontades”. Este documento recolle o desexo de defender e transmitir aos seus herdeiros a obriga de fomentaren a lingua galega na esfera familiar e social. Porque o futuro da nosa identidade será o que cada un de nós queiramos.Non o esquezamos. De aí a importancia desta convocatoria de reafirmación persoal e familiar nunha galeguidade práctica e consciente.
 
O acto programado terá dúas partes diferenzadas. A primeira, na igrexa parroquial, onde se procederá a formalizar a manda testamentaria que obriga aos herdeiros a respectaren o desexo dos asinantes  expresado deste xeito:  “Que chegada a hora do meu pasamento quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro se realice exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pídolle a miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que cumprimenten este meu desexo”. A manda  recolle outro desexo máis, que, xunto cos bens materiais que lles corresponda como herdo, inclúe tamén o patrimonio cultural “que me legaron a min os meus avós e pais e llelo transmitan aos seus fillos para que deste xeito perviva para sempre nas xeracións vindeiras”. Despois, no cemiterio, descubrirase unha placa con esta lenda: “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.
 
Con esta pedagoxía cultural pretenden as entidades convocantes que prenda na sociedade galega o compromiso  persoal na defensa dos valores da identidade galega. Victoriano Taibo dixérao asi: “O galego que non fala/ na lingua da súa terra/ nin sabe o que ten de seu/ nin é merecente dela”.
 
O pobo de Morgadáns, amais da súa singularidade xurídico-administrativa que este ano celebra o oitenta aniversario da constitución da Entidade, vai celebrar un acto transcendental de autodeterminación cultural. Ogallá que o exemplo se espalle por toda Galicia nos vindeiros anos.  A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística fará todo o que estea nas  súas mans para promovelos.Cómprenos un galeguismo persistente, non resistente; un galeguismo participativo e non contemplativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA