Recuperar o carril bus e xestionar directamente o transporte público, propostas do BNG para A Coruña

Por E.P. | A CORUÑA | 17/09/2019 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

Os concelleiros do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera e Avia Veira, avogaron por recuperar o carril bus na cidade e estudar a xestión directa do transporte público, segundo explicaron na presentación das súas iniciativas en materia de mobilidade.

En rolda de prensa, tanto o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, como a concelleira Avia Veira defenderon a necesidade dun cambio nas políticas de mobilidade, "xa no primeiro ano de mandato", precisou esta última.

Jorquera defendeu tamén que o alicerce sobre o que se debe construír a política de mobilidade é "a preeminencia do transporte público" e asegurou que no caso da Coruña iso pasa pola "recuperación do carril bus" e por estudar, durante este mandato, a posibilidade de introducir a xestión directa por parte do concello, tal e como figura no acordo de investidura asinado por BNG e PSOE.

"Fai falta intensificar as frecuencias, modificar o mapa de liñas, recuperar o carril bus e ampliar o horario dos servizos", resumiu Jorquera sobre as súas propostas en materia de mobilidade.

Por outra banda, na súa comparecencia, Avia Veira criticou a presenza, nas casetas dispostas polo Concello na zona do Obelisco con motivo da Semana da Mobilidade, de grandes corporacións do sector automobilístico. "Non deben ser eses axentes os interlocutores do concello á hora de planificar as políticas de mobilidade e si o rico tecido asociativo da cidade", defendeu.

Os concelleiros Francisco Jorquera e Avia Veira informan sobre a súa proposta en materia de mobilidade   BNG
Os concelleiros Francisco Jorquera e Avia Veira informan sobre a súa proposta en materia de mobilidade BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta