Ambientalistas cualifican de irresponsable o apoio das administracións públicas á central das Pontes

Augas de Galicia multa á empresa propietaria dos terreos da mina de Touro, por desviar un tramo do rego Portapego sen a preceptiva autorización.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2019 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” mostrou nun comunicado o seu malestar polo que ven como “apoio teimudo de Xunta, Parlamento, Deputación da Coruña e Concellos da súa área de influencia, ao mantemento da actividade da central de carbón de Endesa nas Pontes, unha das 20 maiores fábricas europeas de crise climática”. 

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Pepe do Couto en Wikipedia.

Cualifican a postura das diferentes administracións e do Parlamento como “unha posición climaticamente irresponsábel e ademais condenada ao fracaso, dada a orientación da política enerxética da UE”. Fronte a isto, a Plataforma propón “acordar un peche planificado e rápido, acompañado de medidas de transición xusta que non deixen desprotexidos os traballadores e as traballadoras”.

“Galiza, un futuro sen carbón”, critica ademais a aprobación dunha iniciativa no Parlamento o 11 de setembro pasado, a favor da central de carbón das Pontes, “demandando desta vez ao Goberno do Estado axudas e exencións fiscais para a electricidade xerada con carbón, o combustíbel máis sucio”. 

Denuncian ademais que esta iniciativa pedía “unha retribución específica para a queima de biomasa forestal, o que sen dúbida favorecería a eucaliptización”. Porén, a proposición aprobada, segundo a Plataforma “non incluíu ningunha medida para protexer os traballadores e traballadoras ante a caída da produción das centrais de carbón durante os últimos meses”. Por outra parte, “Galiza, un futuro sen carbón” apunta que o pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou unha moción “que reitera as demandas do Parlamento galego ao Goberno estatal e ademais reclama á UE que evite especulacións no mercado europeo de CO2”.

PECHE A CURTO PRAZO PLANIFICADO

Consideran que manter en funcionamento a central das Pontes ata 2045 non é posible “nin sequera semella realista que poida funcionar até 2030”. Así, consideran que “os anos da térmica de carbón das Pontes están contados, pero cada ano importa moitísimo en tempos de emerxencia climática”, isto último debido ao “descomunal impacto climático desta central, equivalente ao de países enteiros como Uruguai”.

Desta maneira insisten en que  o “intelixente e responsábel é planificar adecuadamente o peche dunha industria que deixa xa unha enorme herdanza de destrución ambiental dentro e fóra de Galicia”.

Finalmente, propoñen unha negociación entre Endesa, Goberno estatal, Xunta e sindicatos, para acordar o peche planificado e pactado da central nos próximos anos, “a máis tardar en 2025”. A Plataforma considera que a clausura da central “deberá acompañarse con medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas Pontes e a súa contorna”.

MULTA DE AUGAS DE GALICIA Á PROPIETARIA DA MINA DE TOURO

Augas de Galicia sancionou á empresa propietaria dos terreos da mina de O Pino-Touro, Explotaciones Gallegas S.L., por desviar un tramo do rego Portapego sen a preceptiva autorización.  Desde a asociación denunciante Aldea Viva, consideran “ridícula a sanción de pouco máis de cinco mil euros e a reposición do rego ao estado inicial por uns feitos desta envergadura”.

Segundo Aldea Viva, a empresa Explotaciones Gallegas S.L. “pretendía desfacerse da responsabilidade da desfeita ambiental que vén causando no rego Portapego”, un curso de auga “contaminado polos residuos e drenaxes da mina pechada fai máis de trinta anos, usurpando o caudal para deixar o rego seco”. A asociación Aldea Viva denuncia tamén que “nas súas alegacións a empresa mesmo cualificou de “actuación clandestina” a actividade de inspección de Augas de Galicia a instancia da asociación Aldea Viva”.

Por outra parte, tamén se apunta que Augas de Galicia “notificou ao concello de Touro que se abstivera de dar permisos ás obras, pois previamente o rexedor Ignacio Codesido xa as autorizara saltándose a autorización preceptiva do organismo de Augas”.

Aldea Viva considera que a sanción a Explotaciones Gallegas demostra que a empresa “recibe un trato amable por parte da administración que lle permite seguir actuando á marxe da lei con total impunidade”.  Finalmente apuntan que “mentres tanto a Xunta de Galicia segue sen rexeitar o proxecto mineiro promovido polo mesmo tramado empresarial que pon en risco a comarca de Santiago e a ría de Arousa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Freixo da fraga

Seria interesante saber quenes se atopan detrais desa nova plataforma......