Miles de persoas en toda Galicia claman contra o terrorismo machista en recordo das tres mulleres asasinadas en Valga

O rexeitamento social estendeuse pola xeografía galega con numerosos actos de repulsa e de recordo ás vítimas, e este mércores celebráronse decenas de concentracións e manifestacións en máis de 50 municipios para clamar contra a violencia machista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2019 | Actualizada ás 21:36

Comparte esta noticia

Miles de persoas saíron á rúa en todos os recunchos da comunidade galega para trasladar a súa repulsa contra o terrorismo machista e o 'feminicidio', e en recordo ao tres mulleres asasinadas esta mesma semana no municipio pontevedrés de Valga.

Sandra, María Elena e Alba foron sorprendidas este luns polo exmarido da primeira, José Luís Abet, cando esta saía do seu domicilio cos seus dous fillos, de sete e catro anos. Alí, o autor confeso do crime disparou contra a súa exmuller, a nai e irmá desta, e emprendeu a fuga, para entregarse posteriormente en Ames.

O rexeitamento social estendeuse pola xeografía galega con numerosos actos de repulsa e de recordo ás vítimas, e este mércores celebráronse decenas de concentracións e manifestacións en máis de 50 municipios para clamar contra a violencia machista.

Manifestación de repulsa en Vigo polo triplo asasinato de Valga
Manifestación de repulsa en Vigo polo triplo asasinato de Valga | Fonte: Miguel Núñez


A maioría das protestas arrincaban ás 20,00 horas (algunha media hora máis tarde). No caso de Compostela, centos de persoas déronse cita na Praza 8 de Marzo nun acto de recordo ás tres mulleres asasinadas e de denuncia e repulsa contra o machismo.

A comitiva concentrouse durante uns minutos portando diversas pancartas con lemas como 'Rebelión, desobediencia, contra súa violencia', 'Non á violencia machista, querémonos vivas' e unha gran pancarta morada na que se podía ler 'Polas que non están'.

Así mesmo, un grupo de manifestantes colgou dun dos semáforos da rúa un boneco que levaba unha pancarta coa lema 'Terrorismo machista', entre berros e consignas como 'ti, machista, estás na nosa lista'.

"NIN UNHA MENOS"

A concentración derivou entón nunha marcha na que centos de persoas cortaron o tráfico en Virxe da Cerca e corearon lemas como 'non son arrebatos, son asasinatos' ou 'non queremos nin unha menos, basta xa nin unha máis'.

Esta protesta estivo apoiada, ademais, por diversos representantes de entidades sociais, culturais e políticas, entre eles o rexedor compostelán, Xosé Sanchez Bugallo ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Finalmente, a comitiva penetrou no Casco Antigo de Compostela e percorreu diversas rúas ata chegar á Praza de Praterías, onde se celebrou o acto de peche da marcha.

Manifestación de repulsa en Vigo polo triplo asasinato de Valga
Manifestación de repulsa en Vigo polo triplo asasinato de Valga | Fonte: Miguel Núñez

Protesta en Compostela polo triplo asasinato de Valga. CEDIDA
Protesta en Compostela polo triplo asasinato de Valga. CEDIDA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

En Compostela, fóra da cabeceira que berraba, o ambiente era de festa. Por qué? Polas tres mulleres mortas? Qué sentido tén converter en manifestación alegre o que debera ser unha concentración fúnebre? Mellor vinte mulleres de negro, en silencio, que unha marcha de seiscentas sen consciencia da gravidade da situación.