Arxentina encargará a Galicia a renovación da súa frota pesqueira

O ministro de Pesca asegura que as prospeccións petrolíferas non afectarán a bancos nos que operan barcos galegos.

Por Europa Press / Redacción | Buenos Aires | 19/09/2019 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Agricultura, Gandaría e Pesca do Goberno arxentino, Luís Miguel Etchevehere, avanzaron un acordo para que a metade dos barcos que operan en augas de Arxentina se poidan construír en estaleiros galegos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na reunión co ministro de Agricultura, Gandaría e Pesca do Goberno arxentino, Luís Miguel Etchevehere
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na reunión co ministro de Agricultura, Gandaría e Pesca do Goberno arxentino, Luís Miguel Etchevehere | Fonte: Xunta.

Feijóo e Etchevehere mantiveron unha reunión definida polo mandatario galego como "clarificadora, tranquilizadora e moi esperanzadora", pois tamén abordaron a continuidade da pesca de lagostino para a frota galega, que estará "garantida" cunha vocación de manterse por un período de 15 anos.

"No ámbito da renovación de frota, o ministro destacou que a previsión que teñen é a de construír barcos por un importe de 2.500 millóns de dólares, entendendo que a metade, aproximadamente, desa carteira de pedidos poderase construír en estaleiros galegos", apuntou o presidente da Xunta.

Así mesmo, o Goberno arxentino e o galego acordaron unha rebaixa dos aranceis para a construción de barcos de máis de 30 metros que se realicen fóra do país latinoamericano. Deste xeito, o arancel pasará dun 14 ao 7 por cento.

PROSPECCIÓNS DE PETRÓLEO

Outro dos temas tratados no encontro foi a intención do Executivo arxentino de explorar a posible explotación de xacementos de petróleo nas súas costas. Neste sentido, segundo destaca a Xunta, o ministro de Pesca sinalou que estas prospeccións non afectan os bancos de lagostino, pota e pescada nos que faenan empresas galegas.


Unha situación que, en palabras de Feijóo, quedou "disipada", á vez que valorou que o sector pesqueiro vaia a participar nunha mesa de traballo na que estarán tamén representados os ministerios de Medio Ambiente, Enerxía e Pesca.

"O Goberno arxentino sabe que queremos renovar a frota, e os barcos de máis de 30 metros poderán facerse en estaleiros galegos, co que temos unha carteira de posibles pedidos importante", remarcou o mandatario autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 PaPon

Se sae como o de México é para poñerse a temblar. Quen vai pagar se Arxentina xa está en suspensión de pagos.