Prepara ben Galicia os seus deportistas?

A crise económica recortou orzamentos para deportes. Houbo perda de deportistas de base nalgunhas disciplinas, así que se busca unha mellora tanto en captación como en axudas a estudos para os máis novos. Buscar vías de financiamento e de oportunidades para os deportistas, son fundamentais para termos unha elite deportiva competitiva.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2019 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

As disciplinas deportivas como remo, atletismo ou ciclismo, só por poñer uns poucos exemplos, só teñen presenza “mediática” cando alguén consegue chegar á categoría máis alta, chega ás mellores marcas ou chega ao alto do podio olímpico. A partir de aí, o máis probable é que o interese por parte do público baixe ata que apareza unha nova figura recollendo éxitos.

Pazo de Deportes Paco Paz, en Ourense
Pazo de Deportes Paco Paz, en Ourense | Fonte: Pazo Paco Paz

O que moitos e moitas descoñecemos é o sacrificio que leva detrás preparar atletas, remeiros e remeiras, velocistas, ciclistas, lanzadores de martelo ou xavelina. Mesmo a maioría descoñecemos que estas persoas están, ou deberan estar, ao mesmo nivel que os “astros” do fútbol. Aínda así, existen exemplos de deportistas que marcaron un momento de atención sobre algún destes deportes. Mais, estanlles prestando atención agora ás novas vocacións?

CAMBIO DE MENTALIDADE

“Co éxito da selección española de baloncesto os deportistas de alto nivel merecemos máis” di Marta Míguez quen foi lanzadora de xavelina. “Merecemos ser referentes, se un deportista, unha atleta, por moi talentosos que sexan, non miramos máis por eles, para que somos referentes? Non o temos tan fácil”.  Míguez destaca que “cando as cousas van ben, cando os e as atletas querer bater marcas, a administración di, pois moi ben, funcionan sós, dámoslles unha bolsa, unha esmola e xa”.

Non obstante, o éxito para moitas disciplinas deportivas non é garante dunha seguridade económica que permita manter o ritmo de victorias. Así o fútbol, como di o ciclista Óscar Pereiro “nunca lle faltará diñeiro”. Pereiro mesmo, gañador na clasificación xeral do Tour de Francia 2006, lembra que “logo daquela etapa que Marcos Serrano máis eu gañamos durante o Tour de 2005, a cousa animouse e formouse o equipo Xacobeo Galicia, con iso démoslle a oportunidade que buscaban moitos mozos e mozas, mais iso acabou, xa non hai unha aposta polo ciclismo”.

Un kitesurfista practicando este deporte
Un kitesurfista practicando este deporte | Fonte: MA

As circunstancias económicas que envolveron o país durante a crise económica tamén influíron nunha rebaixa en achegas ao deporte. “Certo que houbo recortes, á Federación Española de Piragüismo recortáronlle un 50% dos orzamentos, mais tes que ser consciente do momento en que estás” di David Cal, piragüista cinco veces medallista olímpico. “Durante ese tempo houbo unha estratexia que foi a de apoiar á xente máis consolidada mentres que categorías máis inferiores non recibiron tanto apoio, non obstante, os resultados non foron tan malos”.

APOIO DESDE A BASE

“No caso do ciclismo hai que apoiar desde a base” di Pereiro. “A día de hoxe non temos ciclistas profesionais en primeiro nivel, a causa sería a falta de axudas e apoio, xa non digo a nivel profesional, senón desde a base, que é onde se debe comezar a traballar”.  Esa base debe motivarse, debe ter referentes, e como se consegue motivar á xente máis nova? “O escaparate dos Xogos Olímpicos é o mellor referente, logo cando fomentes entre os nenos deben gozar con el, pasalo ben, sobre todo cando chega o bo tempo” sinala David Cal.

Marta Míguez tamén  ve que os deportes “minoritarios” non teñen a mesma prédica entre as familias, pois se existen arelas de ver un neno, sobre todo nenos, o deporte é o fútbol. “E o fútbol feminino tamén, porque vai aproveitar o tirón do masculino” sinala Míguez. “O caso é que para apoiar a un neno ou nena para facer deporte, hai que facelo desde a familia primeiro, por iso creo necesario cambiar a mentalidade das familias” destaca Míguez.

Como se podería facer isto? Fomentando a ilusión dentro das familias con bolsas para os estudos e a preparación, iso, segundo as fontes consultadas, motivaría a pais e nais para apoiar a carreira deportiva do fillo ou filla. “Tamén cambiar o discurso, porque cando gaña a selección de fútbol por exemplo, “gañamos todos”, mais cando perde a selección, perde a selección”.

“Hai que ser ambiciosos, mesmo dentro dos deportes minoritarios, porque tamén esixen un sacrificio, unha disciplina e un esforzo, ademais de horas de adestramento” reflexiona David Cal. “Sempre se piden axudas máis amplas, máis ambiciosas, porque, teñámolo en conta, a vida dun deportista é moi curta”. Sobre se a educación física en centros de ensino é un bo chanzo na escada dun deportista Cal di que “se podería mellorar, aínda así hai moitos centros que si fomentan o deporte de maneira decidida”.

Óscar Pereiro pola súa parte considera que “temos que apoiar equipos nas catro provincias, non hai poder económico para un grande investimento, mais si hai empresas que poderían axudar o deporte base, ese sería un bo camiño, como a lei do mecenazgo”.

Sobre a contía, acceso e tipo de bolsas para deportistas de alto nivel en Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte apunta que “anualmente a Fundación Deporte Galego concede bolsas aos deportistas que cumpren cos requisitos que marcan as bases do seu procedemento, sempre que o soliciten e sexan recoñecidos previamente DGAN (deportista galego de alto nivel)”. En decembro de 2018, “a Fundación Deporte Galego resolveu a concesión das Axudas DGAN 2018 que acadaron os 348.790 euros, o máximo histórico destas axudas desde o ano 2013. Ademais, o número de axudas solicitadas alcanzou as 282, mentres en 2017 chegouse ás 258”.

ESTUDOS E DEPORTE

A vida do deportista, sobre todo cando é moi novo, é unha loita para compaxinar os adestramentos con estudos. “Sacaba tempo de onde podía, moitas veces en vez de descansar estaba estudando, tamén estudaba durante as viaxes” di Marta Míguez, “ao final presenteilles aos meus pais o título académico e aí dixen o trato está feito”. “Ata os catorce anos non tiven moitos problemas para compaxinar os estudos co adestramento, porque o colexio e o clube de priagüismo estaban ao pé da miña casa” di David Cal. “Logo cando fun para Pontevedra os adestramentos eran máis intensos, así que os horarios lectivos estaban adaptados para partillar as dúas actividades”.

Existen hoxe facilidades para compaxinar estudos e adestramento? Teñen beneficios académicos os nosos deportistas de elite? A Secretaría Xeral para o Deporte sinala que “no caso dos beneficios educativos, as universidades galegas haberán de reservar cada ano a lo menos un 3% adicional das prazas ofertadas para os DGAN”. Para o caso dos centros radicados en Galicia que impartan a licenciatura en ciencias da actividade física e do deporte “esta reserva será, como mínimo, do 5% adicional”. Os institutos de formación profesional (FP) “reservarán para os deportistas galegos de alto nivel unha cota mínima adicional do 3% das súas prazas e nos centros nos que se impartan as ensinanzas de técnicos deportivos, esta reserva será do 5%”.

Sobre a vida profesional do deportista logo de acabada a súa vida competitiva, ten Galicia preparado algún programa para inserilos na vida laboral? “Coa reforma do decreto que estamos ultimando, pretendemos avanzar tamén neste ámbito dos servicios aos deportistas unha vez finalizada a súa carreira deportiva” sinalan desde a Secretaría Xeral. “O que queremos se execute a través da Oficina de Atención ao Deportista que atenderá, tamén no ámbito laboral pero queremos que se amplíe a outros ámbitos, aos nosos deportistas”. Un modelo similar ao Programa de Atención ao Deportista (PROAD) existente no Consejo Superior de Deportes.

A reforma do decreto 6/2004 sobre Deportistas Galegos de Alto Nivel quedara en revisión polos servizos xurídidos da Xunta en decembro de 2018, xusto cando se fixo o relevo de Marta Míguez á fronte da Secretaría Xeral para o Deporte polo actual director xeral, José Ramón Lete Lasa.

O K4-1000 de Óscar Carrera e Rodrigo Germade, clasificado para a final de Río. / @deportegob O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016 O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016 O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016
O K4-1000 de Óscar Carrera e Rodrigo Germade, clasificado para a final de Río. / @deportegob O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016 O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016 O K4-1000, con Óscar Carrera e Rodrigo Germade, quintos na final de Río. / @rio2016
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta