Temas: CARBALLO TEATRO

Carballo abre o pano do FIOT 2019

Xa dispoñibles para o público as entradas e abonos que conforman a programación do 28º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Entre os atractivos deste ano, a otra de teatro 'Fariña' e Carlos Blanco cunha escolma dos seus mellores monólogos.

Por X.M. Fernández | Carballo | 22/09/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O comezo oficial desta imprescindible cita coas artes escénicas será o venres 27 de setembro e a programación terá continuidade ata o 1 de novembro.

Carlos Blanco
Carlos Blanco | Fonte: Web Fiot

Desde o pasado venres 20 de setembro xa se poden mercar de xeito anticipado as entradas contemplando a organización a disponibilidade de entradas e abonos a prezo reducido co obxectivo de favorecer o acceso para todos e todas aos espectáculos. Así, todas as persoas menores de 25 anos, maiores de 65 anos ou que se atopen en situación de desemprego, poden adquirir o abono do Programa de Sala, que dá acceso aos 9 espectáculos, por 75 euros, 5 euros menos que o prezo ordinario. Ademais, as e os menores de 25 que prefiran asistir ás funcións con entradas individuais, poden ter un desconto automático de 3 euros en cada unha delas ao presentar o seu DNI no momento da compra.

A redución nos prezos chegará tamén ao ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) e aos espectáculos da Rúa dos Contos que teñan lugar no segundo andar do mercado municipal de Carballo, como é o caso das actuacións de Carlos Blanco (29 de setembro) e Rodrigo Cuevas (5 de outubro). Nestes casos, as persoas menores de 25 anos, abonadas ou que sexan socias da Asociación Cultural Telón e Aparte, obterán un 50% de desconto nas devanditas sesións.

O público pódese facer, de forma anticipada, cos seus abonos ou billetes para o Programa de Sala, OTNI e actuacións no mercado municipal, de xeito presencial, nas oficinas do Pazo da Cultura de Carballo, os venres de setembro, entre as 10.00 e as 13.00 horas, ademais dos mércores entre as 19.00 e as 20.30 horas. A venda de entradas tamén está aberta desde as 10.00 horas desta mañá a través da plataforma web Ticketea by Eventbrite. Para o caso de que se esgoten en venda anticipada as entradas ou para aqueles que acodan o mesmo día haberá billeteira habilitada en cada recinto 90 minutos antes de cada actividade.

No marco da programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que acada este ano as 21 edicións, terán lugar un total de 14 espectáculos, entre os que se inclúen os xa anunciados Mellores Monólogos de Carlos Blanco e a estrea en Galicia do Trópico de Covadonga de Rodrigo Cuevas. As entradas das iniciativas que se celebren en locais de hostalería e que precisen de billete para o seu acceso, poderanse retirar, tamén desde hoxe, nos propios recintos nos que se celebren. No caso da estrea absoluta de Un conto de michos, a nova creación para público infantil de Pedro Brandariz, a praza para acceder poderase reservar, previamente, na propia Biblioteca Rego da Balsa.

Cartel da obra de teatro 'Fariña'
Cartel da obra de teatro 'Fariña' | Fonte: Web Fiot

Temas: CARBALLO TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta