Mohamed Dchira: "Os mil significados da realidade saharauí"

Mohamed Latrach, máis coñecido na comunidade saharauí por Mohamend “Dchira”, representa unha das personalidades culturais máis interesantes do Sahara Occidental. Nado en 1983 en El Aaiun, cidade na que vive, Dchira é técnico especialista en fotografía e imaxe. Nesta entrevista fala dunha nova sociedade saharauí, dos seus temores, das súas ilusións e das súas reivindicacións tras más de 40 anos de ocupación marroquí.

Por Galicia Confidencial | El Aaiun | 22/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Entrevista realizada por Nicolás Iván Vaqueiro Gradín para Galicia Confidencial

O fotógrafo saharauí Mohamend Dchira
O fotógrafo saharauí Mohamend Dchira | Fonte: remitida

Citámonos con Mohamed Dchira no Dubai Café, na Rúa Bouchraya. Nada ou case nada se entende en El Aaiun se non é ao redor dun té. Falamos en “hassani”, a lingua dos saharauís. Maniféstanos a súa paixón pola fotografía e a arte en xeral e falamos dos problemas dos mozos saharauís, das súas reivindicacións e das para conseguir traballo ou desenvolverse vitalmente pola ocupación marroquí. Por iso moitos, queren marchar.

Dchira prepara ademais un documental, chamado “O Paseo”, que pretende estrear en 2020 coincidindo co décimo aniversario dos acontecementos do “campamento liberdade” de Gdein Izik. Un documental para o que realizou 450 entrevistas e que terá unha duración dalgo menos dunha hora.

“Non é fácil ser testemuña da realidade no Sahara ocupado”, dígolle antes de comezar a entrevista, ao que me responde convencido e tranquilo que falar desa situación forma parte do seu xeito de entender a causa e non lle asustan as represalias. Cecáis porque como dicía o fotógrafo e director francés Antoine D´Agata, “o importante non é como o fotógrafo mira o mundo, senón a súa íntima relación con el”.

A través desta entrevista, intentamos coñecer algo máis sobre a súa vida e a súa obra e a visión que ten de diversos aspectos da causa saharaui, a arte, a cultura e a vida nos territorios ocupados do Sahara Occidental.

Comecemos pola fotografía. Creo que é moi destacada a forma na que tratas a realidade da túa contorna a través da fotografía. Que buscas plasmar na túa fotografía?
A imaxe representa unha idea. Normalmente penso bastante que quero transmitir e analizo todos os ángulos dunha imaxe antes de facer unha foto.

Se quero expresar unha idea, xa que logo, penso que quero transmitir e fago unha fotografía, porque con iso, quero axudar á xente a comprender o significado das cousas, que adoita ser sempre máis profundo. Quero sempre ir máis aló da primeira impresión que nos dá realidade.
Tamén tomo fotos para estudalas e comparalas coas máis antigas, para separar as diferenzas e defectos, e o que se evitou do impacto que a comunidade ten sobre elas e o que non se viu afectada por ela, o que permanece.

Unha das instantáneas do fotógrafo saharauí Mohamend Dchira
Unha das instantáneas do fotógrafo saharauí Mohamend Dchira | Fonte: remitida

E finalmente, o que publico son só partes de todo un traballo que tratei de analizar desde todos os ángulos, para facer que o público quede sorprendido por enfoques e sensacións ou ideas que lles pode transmitir unha imaxe que quizais xa viron, pero que que nunca antes tiveran ou sentiran sobre ela, ou outras opinións que se difunden dun pasado ou enfoques ou ideas que dan outras persoas sobre ela.

Por desgraza, os nenos saharauís nas zonas ocupadas, viven nunha realidade marcada pola violencia

Un feito que me impresionou profundamente cando estiven en El Aaiún foi ver aos nenos e nenas saíndo da escola en parellas de dous, distanciados e con forte presenza policial. ¿Como afrontan os nenos saharauis nos territorios ocupados a súa educación?
Por desgraza, os nenos saharauís nas zonas ocupadas, viven nunha realidade marcada pola violencia. Os nenos saen dos colexios separados en grupos controlados pola policía porque fai tempo, os nenos participaban nas manifestacións pola liberdade do Sahara Occidental. Esta separación ten como obxectivo facerlles interiorizar que viven nunha realidade onde a violencia é algo que está presente e lles disuada de calquera outro plantexamento vital. Naturalmente, non é posible educar de xeito alternativo aos nenos, e as familias non teñen ingresos que lles permitan educar aos seus fillos fora do sistema marroquí. Incluso as mesmas familias teñen unha obsesión polo medo de que os nenos lles pase algo. Así que seguirá sendo así, por medo ao risco posible.

Recentemente deuse o caso dun mozo saharauí músico de hip hop que faleceu mentres trataba de cruzar a España (Said “Flytox”) ¿Crees que a cultura é un medio de superar a realidade ás veces?
Said (Flytox), como calquera mozo tivo a ambición de autorrealizarse a través da arte que dominaba, a música, é dicir, tratábase dun deses casos nos que unha vida é insatisfactoria e non plena por culpa da submisión á realidade na quese vive, o que leva a aparición dun anhelo de liberdade. Desenvolveu ideas moi creativas con moitas posibilidades de éxito. Por desgraza, a realidade é máis dolorosa, e iso fíxolle arriscar a súa vida e emigrar, que foi o final da súa paixón e soño.
É un dos casos nos que podemos ver a violencia do réxime marroquí. A Flytox gustáballe a música e a arte, e malia as torturas e violacións de dereitos, aspiraba a formarse e adquirir unha educación porque entendía que iso lle daba un valor engadido á súa obra. Quería ser creativo e independente e foi unha gran pena que falecera. A causa de Flytox é un exemplo de moitos esforzos non coñecidos e recoñecidos da sociedade saharauí. Como moitos mozos, arriscouse a fuxir dun ambiente de violencia e desolador para poder vivir e crear o seu proxecto vital en plenitude.
              
É complexo falar de educación, investigación, pensamento ou cultura cando existe un conflito pendente que non deixa determinarse a un pobo, pero ¿Sería posible unha universidade saharauí no futuro?
As universidades e a investigación aumentarían a conciencia cultural, o que afectaría á conciencia política dos dereitos e, a partir dela, haberá máis enfrontamentos e maior conflito, por iso Marruecos evítaa. Os estudantes, transferirían as batallas das institucións á súa contorna debida ante a realidade da súa vida aquí. A pesares da limitación das disciplinas, os estudantes adquirirían esa conciencia crítica.

Por desgraza, a educación marroquí ten como obxectivo levar á identidade saharauí á marxinación. Para iso, empregan dúas ferramentas educativas. A primeira é negar a capacidade dos saharauís para desempeñar en igualdade as súas capacidades. Deste xeito trasládase ao mundo que os saharauís non están preparados para afrontalo.

A segunda é negar a capacidade aos nenos e nenas de ver e analizar a realidade que lles rodea, e poder entender e criticar a ocupación. É dicir, que non se fagan preguntas sobre a realidade presente e futura da súa identidade. Con iso buscan claramente bloquear no futuro a posibilidade de que eses nenos se poidan converter en persoas que se rebelen contra esa realidade imposta. Trátase de anular a capacidade analítica pero tamén a profesional.

Temos activistas de movementos feministas con ideas máis maduras, que teñen aínda moitas batallas internas que gañar

O papel da muller saharaui incrementouse nos últimos tempos co surgimiento dun crecente movemento feminista e de reivindicación do papel da muller na sociedade saharaui, de xeito crecente dende a figura de Aminatou Haidar Que opinas disto?
As mulleres aquí teñen un lugar forte na sociedade e, naturalmente, teñen que estar na loita, os dereitos, a política e outros campos da cultura. Algunhas delas teñen apoio ao longo das súas carreiras, outras teñen o seu propio camiño.

Tamén vemos o nacemento de escolas de pensamentos e ideas moi potentes e ben construídas, tamén activistas de movementos feministas con ideas máis maduras, que teñen aínda moitas batallas internas que gañar, primeiro fronte á herdanza e a masculinidad tradicional que constitúen outra lei represiva ... Creo que todas esas loitas son necesarias, valentes e boas para construír unha comunidade máis saudable e plural, que non é comprensible sen un papel igualitario da muller.

Temos unha literaria saharauí contemporánea moi vinculada ao conflito que entende a literatura como ferramenta de resistencia contra o esquecemento, pero tamén sobre espazos comúns e recordos. De escritores clásicos á Xeración da Amizade (Liman Boicha, Bahia Mahmud Awah, Mohamed Salem Abdelfatah,…) ¿Camiña a literatura saharauí cara a novas vías creativas ou crees que seguirá moi vinculada ao conflito?
Por suposto, a cultura a través dos seus pioneiros escritores e poetas xoga un papel importante, primeiro en documentar etapas e eventos ata que non se queden no esquecemento e procesando máis tarde os seus erros a través dun prisma crítico.

Naturalmente, a cultura contribúe a crear unha conciencia que logre xustiza para a rexión mediante a publicación de artigos ou libros que expliquen a magnitude das violacións, e a duración da “cuestión saharaui”, mentres por desgraza aumentan as posibilidades de violencia armada sobre a poboacion saharaui nos territorios ocupados. Agora vemos unha xeración culta que vai máis aló das realidades sociais e que pode defender de xeito intelixente, sensible e profunda a causa e identidade saharaui.A literatura ten, xa que logo, un papel fundamental para nós, porque é a actividade que pode expresar de xeito máis profundo e eficaz a mensaxe do sufrimento e a identidade dos saharauis. A través da cultura podemos ver a realidade sen medo ou confrontación real na terra.

En novembro de 2010, de súpeto, o pobo saharaui reúnese nos arredores de El Aaiún, no campamento Gdein Izik (“campamento liberdade”) e inicia unha protesta pacífica de importante repercusión internacional que sorprende a España e ao mundo. ¿Xurdiu unha xeración do Gdein Izik?
Creo que sobre todo podemos falar dunha nova realidade a partir dos acontecementos do Gdein Izik, pola cal enténdese e acéptase a realidade na que viven e as reivindicacións dos dereitos dos saharauís, incluídos os mozos marroquíes, que comezou a comprender, respectar e participar en todas as accións que suceden no Sahara Occidental.

Hai unha xeración nova de marroquís que entende que é o réxime o que reprime aos pobos (incluído ao marroquí)

Eventos recentes foron testemuña do asunto a través da violencia das forzas marroquíes sobre un gran número de marroquíes residentes en El Aaiun, e algúns deles comezan a facer un seguimiento cos saharauís nos temas de participación social ou a pechadura de espazos públicos combinados co uso de violencia excesiva.

Quero decir que nos atopamos sobre todo cunha xeración nova que entende que é o réxime marroquí o que reprime aos pobos (incluído ao marroquí) e os seus dereitos e por tanto, xurde, case naturalmente, unha alianza xeracional entre eles. Viven aquí dende nenos e comparten a realidade cos nenos saharauis. Prodúcese unha integración humana que fai que xurdan sentimentos compartidos e entenden que as súas reivindicacións son legais e que teñen dereito a facelo para mellorar a súa vida. O problema é o goberno de Marrocos, non o seu pobo.

A existencia dun pobo dividido por un muro, pode facer que evolucione a cultura saharauí de xeito distinto nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados de Alxelia e nos territorios liberados. ¿Notas esa diferenza? ¿Crees que esta evolución, máis urbana por unha banda e máis tradicional por outra, dificulta o intercambio ou é algo enriquecedor?

Como todos sabemos, a separación xerou unha diferenza entre as dúas partes. Primeiro, a parte saharauí que vive nos campamentos e territorios liberados é quizais máis pechada pero máis aguda nas súas ideas, ... tamén se representa como a defensora do proxecto nacional. Pero o pobo saharauí tamén é conscente de que nela conviven gran cantidade de culturas e visións que queren agromar. Seguramente algún día podería producirse un conflito entre estas dúas visións da sociedade, pero desta confrontación penso que xurdirá un terceiro grupo social máis aberto, máis civilizado e inclusivo para conseguir a prosperidade das persoas e a rexión. Sobre todo, esta realidade é algo que nos axuda a aceptar a idea da diversidade.

Si, sen dúbida desde o meu punto de vista, estas diferenzas son positivas para a diversidade da nosa cultura e non deberían ser un problema porque temos unha causa que nos une a todos, que é a solidariedade coa causa saharaui.

Temos unha cultura saharaui, unha tradición, arte, poesía, música, fotografía, ¿Xurdiu ou xorde un pensamento propio saharauí que se poida plasmar nunha idea ou concepto similar? ¿En que o poderías identificar ou plasmar a cultura saharauí?
Do mesmo xeito que outros pobos, compartimos as tradicións e costumes de herdanza coa adición da característica de que a identidade do Sahara provén da liberdade, a solidariedade, a dignidade e a prosperidad dos seus pobos e xentes. É a contorna o que nos leva a ser solidarios entre nós. En Marrocos, a xente é máis individualista, pero nós somos solidarios entre nós.

Todo isto débese á historia do pasado como árabes, pero tamén se toma da idea de que a arte e o pensamento convertéronse nun arma revolucionaria ademáis de en alimento para nuestras mentes. Poderiamos dicir que a solidariedade é unha das ideas que definen aos saharauis.

Para rematar, gustaríanos pedirche que nos recomendes 3 libros que che marcaron e 3 pensadores ou escritores que sexan para ti fundamentais...
Fun influenciado por moitos libros, pero cecáis o máis importante foi “ A toma silenciosa: capitalismo global e a morte da democracia” de Noorena Hertz. Tamén descato o libro de Milan Kundra «A insoportable levedade do ser», e a novela «Cidades de sal», as cinco partes de Abdul Rahman Moneef. Entre os pensadores citaría a Abdullah Qassimi, ao pensador tunisiano Youssef Siddiq e ao libanés Amin Maalouf.

Activistas sahauís retratados por Mohamend Dchira
Activistas sahauís retratados por Mohamend Dchira | Fonte: remitida
O fotógrafo saharauí Mohamend Dchira
O fotógrafo saharauí Mohamend Dchira | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 JKCKAntonio Regueiro

Moi interesante!