Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 16:34
A Consellería do Mar anunciou este martes a creación da campaña 'Vai de peixe', destinada a impulsar o consumo de produtos do mar e da acuicultura entre os mozos de entre 18 e 35 anos, os coñecidos como 'millennials'.
Para iso, a Xunta puxo en marcha a páxina web da camaña, unha canle de Youtube e un perfil de Instagram sobre esta iniciativa, que "fomenta hábitos de alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos" neste segmento de idade, destaca a Administración galega.
A campaña inclúe diferentes accións que se basean en difundir receitas doadas, informacións sobre os produtos da pesca e na organización de diferentes eventos como visitas dun tráiler a zonas universitarias e/ou estudantís de Galicia nas que se fará un showcooking por parte dun cociñeiro, co obxectivo de que a xente nova probe os produtos do mar e da acuicultura. Así mesmo, tamén se prevé a realización de concursos e charlas motivadoras, entre outras accións.
Estas actividades iranse difundindo progresivamente a través da web, o perfil de Instagram e a canle de Youtube de 'Vai de peixe'. Para iso, a iniciativa contará con catro 'influencers' que actuarán como prescriptores e dinamizadores da campaña e do seu contido: a atleta olímpica Ana Peleteiro, a presentadora Eva Iglesias e os youtubers Percebes y Grelos e Coque Macho.
Con todas estas accións, que se prolongarán durante este curso 2019-2020, 'Vai de peixe' busca orientar aos mozos na compra e no preparado de peixes e mariscos, promovendo as súas propiedades nutricionais e mostrándolle a versatilidade gastronómica destes produtos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.