Sabemos como funciona a Cruz Vermella?

A atención a persoas sen teito, inmigrantes, axuda para buscar traballo e atención a persoas maiores. Estes son algúns puntos que abrangue a actuación da Cruz Vermella. Esta Organización Non Gobernamental, recorre a diversas vías de financiamento que manteñan a súa independencia. Con todo, non deixa de ter acordos con institucións públicas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A realidade da Cruz Vermella vai máis alá do socorro en estradas e no mar, ademais de servizos preventivos. Esta organización non gobernamental chega a sectores como o das mulleres vítimas da violencia de xénero, a inserción laboral, programas de formación e de apoio á formación en centros educativos.

Enfermeiro da Cruz Vermella. CRUZ VERMELLA - Arquivo
Enfermeiro da Cruz Vermella. CRUZ VERMELLA - Arquivo

O funcionamento desta organización en España comeza cunha Sociedade Nacional de Cruz Vermella Española da que forma parte Cruz Vermella Galicia. O máximo órgano de goberno de Cruz Vermella Galica é o Comité Autonómico e logo cada provincia ten o seu comité. Despois existen as asembleas locais ou comarcais, coordinadas desde a sede provincial.  Como se sostén a Cruz Vermella? Quen forma parte dela e por que? Que terreos abrangue a súa intervención? Son preguntas que tentaremos dar resposta.

VOLUNTARIADO

“Somos unha organización democrática” di Rocío Ovalle coordinadora da Asemblea Local de Santiago. “Cada catro anos celebramos eleccións  internas para elixir os membros do comité que se presentan desde o grupo de socios e voluntarios, eses socios e voluntarios son os que votan”. Sobre como se accede ao voluntariado da Cruz Vermella, Ovalle di que “calquera ten cabida, analizamos as súas aptitudes e segundo elas, fan aquelas tarefas que máis se acheguen ao seu perfil”.

A imaxe do voluntario en países estranxeiros, mais “as candidaturas para voluntariado internacional son moi poucas e saen de cando en vez, para cousas puntuais”. En Compostela “son 320 persoas que fan voluntariado semanal” di Rocío Ovalle. Sexa como for, detrás do voluntariado está o “dereito de participación para o desenvolvemento da sociedade” di Rocío quen sinala unha das arelas da organización, “recoñecer o dereito á participación, que se se fixo voluntariado poda aparecer no currículo cun valor específico cando se teña unha entrevista de traballo”

Voluntarias da Cruz Vermella en Santiago
Voluntarias da Cruz Vermella en Santiago | Fonte: Moncho Mariño

“Eu comecei como participante no programa PINEO, que é un proxecto de participación infantil e xuvenil” di Xiana. O seu caso, o de participante non é o mesmo que voluntario. Son persoas que se convidan a participar en proxectos por parte de Cruz Vermella. “Despois continuei  porque me gustou o que se facía aquí”. Outra voluntaria, Iria, di que “cheguei hai ano e medio para facer un curso de primeiros auxilios e logo, penseino, e decidín ser voluntaria”. Diana é traballadora da organización, “para min era unha organización de referencia, tiven a posibilidade de traballar aquí, profesionalmente sinto que dei un paso importante”.

Os empregados son un número moi reducido. Son quen atenden temas relacionados coa administración, o día a día dos diferentes proxectos e labores de prensa. En canto á percepción que ven desde fóra sobre a súa actividade como voluntarias “de cara os demais a imaxe é a de socorros, mais a cara cámbialles cando ven que temos por exemplo, intervención dentro de centros educativos e outras tarefas”.

ORZAMENTOS E INGRESOS

“O 20% do noso orzamento vén da venda de cartóns para o Sorteo do Ouro” di Ovalle que remarca “o que se vende aquí, na comarca de Compostela, queda aquí, invístese aquí, non se envía a unha sede central para logo facer un reparto a nivel estatal”. Ademais desta vía de orzamento, as achegas que supoñen subvencións e doazóns, permiten manter o ritmo de traballo para atender diversos proxectos en colaboración con outras institucións.

“No noso caso, temos asinados acordos coa Xunta e co Concello de Santiago para a atención de persoas sen fogar” di Rocío Ovalle. Mais non só atenden persoas sen fogar, ou sen teito, tamén existen programas para empoderamento da muller, co obxectivo de igualdade de oportunidades. Outros programas atenden a reincorporación de persoas sen traballo ao mercado laboral como “Empezar de 0”.

Estes programas non chocan ou interfiren cos que poden levar adiante os servizos sociais? “Existen os Servizos Sociais, mais nós complementamos o seu labor alí onde eles non chegan polos motivos que sexan” sinala Rocío que tamén deixa claro que “non imos introducirnos alí onde xa hai intervención”. Non obstante, hai ámbitos de actuación que precisan de reforzo como sería o campo relativo á muller, tanto en atención por violencia machista ou busca de emprego para mulleres dentro desta situación de violencia.

“Ao final somos persoas e o que buscamos é unha interacción persoa con persoa” responde Olalla, de Emprego, cando se pregunta se é difícil a coordinación entre Cruz Vermella e as diferentes administracións coas que colaboran. “Somos complementarios a outras administracións, sós non se pode camiñar”.

BUSCA DE EMPREGO

A axuda para a busca de emprego vai depender sempre da situación da persoa. Así pode haber persoas que xa non teñen motivación para a busca activa, mulleres que nunca traballaron fóra do traballo doméstico, xente nova sen estudos ou maiores de 45 anos. Todas estas persoas pasan  por cursos de formación que contan con módulos transversais e por último están as prácticas de empresa.

Olalla, do departamento de Emprego. “Existen varios programas co apoio do Fondo Social Europeo, o que levo agora mesmo é o de emprego Máis 45, para persoas maiores de corenta e cinco mediante a creación dun itinerario persoali para ter un emprego”. O que se busca é mellorar a empregabilidade da persoa, “somos como un nexo de unión entre estas persoas e as empresas”.

“Eu vin logo de falar cunha asistenta social, aquí estiven en cursos de formación, de como levar unha entrevista de traballo e aprender a traballar en equipo” di Karina, participante no Máis 45. “Fun a unha lanzadeira de emprego onde fixemos entrevistas de traballo con diferentes ETT, Xa levaba daquela catro anos sen emprego”. Agora Karina traballa nunha superficie comercial.

Con todo queren deixar claro que “as contratacións non son acordadas entre a empresa e a Cruz Vermella, se unha empresa quere contratar a alguén xa é cuestión de quen contrata”, aclara Ovalle. Algunhas persoas consultadas por Galicia Confidencial que pasaron pola formación da Cruz Vermella e as correspondentes prácticas, foran contratadas. Algún caso a empresa non respectou os horarios, ou condicións laborais, mais aí, ao ser unha cuestión do contratante, non hai marxe de intervención. “A realidade é a que é, non podemos intervir, mais coas empresas é certo que facemos traballo de xestión de sensibilidade da diversidade, por exemplo”.

Son varios os campos de intervención da Cruz Vermella desde un punto de complementariedade doutras administracións ou organizacións. A súa independencia baséase no autofinanciamento e as achegas dos programas onde se insiren e levan adiante. Aínda así, o funcionamento desta organización evolúe cos tempos como din eles.

Imaxe sección Empego Cruz Vermella Santiago
Imaxe sección Empego Cruz Vermella Santiago | Fonte: Moncho Mariño
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta