Por Europa Press / Redacción | Ourense | 26/09/2019 | Actualizada ás 15:47
A exsecretaria de Acción Electoral do PSOE de Ourense MT.T.C. confirmou este xoves interesarse só como "rumor" polos antecedentes penais doutro militante. A Fiscalía acúsaa a ela xunto cun policía e compañeiro de partido, E.R.C., dun suposto delito de descubrimento e revelación de segredos para prexudicar a posible candidatura ao Senado do militante.
Os feitos, polos que a Fiscalía pide unha pena de dous anos de cárcere e o pago dunha multa, foron xulgados este xoves na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense. A preguntas da Fiscalía, a acusada manifestou manter unha conversa co seu compañeiro policía na que lle pedía que se entresase de "se era certo que J.A.A. outro militante do partido tiña antecedentes policiais", ao considerar que este podía ser o seu rival para disputarlle a condición de candidato ao Senado.
Agora ben, a imputada sostivo que "non quería investigar nada", tan só advertir ao militante, no caso de que fose certo, de que o PP podería sacar esa información na súa contra. É máis, a acusada sustentou a súa defensa no feito de que J.A.A "non era o seu adversario", ao asegurar que "el en todo momento optou ao Congreso" e ela ao Senado.
A Fiscalía sostén no seu escrito que con motivo da petición da acusada, o acusado "sen estar autorizado para iso", procedeu na súa condición de Policía Nacional a acceder á base de datos de denuncias do Corpo Nacional de Policía. O acusado acolleuse este xoves ao seu dereito a non responder ningunha das preguntas das partes.
Pola súa banda, a acusación particular encarnada na figura do militante socialista J.A.A. sostivo como "falso" que existise ningún rumor sobre os seus antecedentes policiais.
Ademais, tamén manifestou que "xa lle advertiron" de que "a postulación non ía ser pacífica" e que "coñecía que algo estaban a cociñar na súa contra".
TESTEMUÑAS
Un dos axentes da Unidade de Asuntos Internos da Policía Nacional, encargados da investigación dos feitos, declarou este xoves que, a partir das gravacións das conversas telefónicas entre os dous acusados pode constatarse como a imputada lle pedía "un favor" ao Policía.
O axente tamén dixo que puideron comprobar como despois de tres chamadas entre ambos os acusados que foron investigadas, "o imputado accedeu á base de datos confidencial de denuncias do corpo Nacional de Policía e consultou os datos de J.A.A.".
Neste contexto, o axente explicou que "para acceder a esas bases é necesario que exista unha investigación en curso", cousa que non ocorría. A consulta produciuse ata en tres ocasións por parte do Policía que sempre se comunicaba a continuación por teléfono coa acusada, segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.