A Xunta esixe a Fomento que rebaixe peaxes na AP-9 como noutras comunidades e non prexudique a Galicia

O vicepresidente Alfonso Rueda censura que o Ministerio pretenda que sexa o Goberno galego o que poña fondos se quere que haxa rebaixas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, esixiu ao Ministerio de Fomento que tome medidas para rebaixar as peaxes na AP-9 como está a facer noutras comunidades e que non prexudique así a Galicia.

Peaxe.
Peaxe.

Tras participar en Madrid nunha reunión co Goberno e as autonomías sobre o Brexit, Rueda censurou que o Ministerio de Fomento pretenda que sexa o Goberno galego o que poña fondos se quere que haxa rebaixas. "Non ten ningún sentido que noutros sitios estean a facelo e en Galicia digan que, ou o fai a Xunta, ou eles non van facer nada", dixo.

Rueda sinalou que o propio Fomento recoñeceu que Galicia é a comunidade con "máis desigualdades" en canto a vías de alta capacidade e criticou que, a pesar diso, non tome medidas para "mitigar" a situación como si fai noutras rexións.

Explicou que a suba de prezos na AP-9 derívase dun acordo asinado en 2011 polo entón Goberno do PSOE, polo que para executar as obras de Rande e Santiago, se permitiu á concesionaria "que durante moitos anos incrementase as peaxes, como está a facer".

"Non ten sentido que mitiguen a situación noutros puntos de España e por unha decisión que tomou outro Goberno socialista, dígannos a Galicia que nos arranxemos, que é tanto como dicir que se arranxen os galegos, que co Goberno de España non podemos contar", agregou.

Rueda asegurou que esta situación se está producindo noutras materias co Goberno de España, que toma medidas de apoio a unhas comunidades e non a outras. "Galicia volve saír prexudicada por unha decisión do Goberno de España", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta