Temas: ALUGUER VIVENDA

Galicia ten o prezo de aluguer máis barato de España, 256 euros menos que a media

Lugo é a provincia con menor prezo (336 euros) e Ourense a terceira máis económica (384 euros).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2019 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O prezo do aluguer en Galicia alcanza de media os 418 euros ao mes, unha cantidade que é inferior en 256 euros á media en España (674 euros), segundo o Observatorio de Vivenda e Chan publicado este xoves polo Ministerio de Fomento. Así mesmo, Lugo é a provincia cos prezos máis baixos (336 euros). No outro extremo atópanse Madrid (819 euros) e Barcelona (769 euros). Ourense é a terceira con tarifas máis baixas (384 euros).

Aluguer
Aluguer | Fonte: Europa Press.

Por conseguinte, os prezos de aluguer máis baixos por metro cadrado atópanse en Lugo (3,5 euros de media), Teruel (4 euros por metro cadrado), Ourense (4,1 euros), León (4,2 euros) e Soria e Castelló (4,3 euros por metro cadrado).

Existen diferenzas coas provincias occidentais galegas, onde A Coruña alcanza os 426 euros e Pontevedra chega a 439 euros, segundo os datos de Fomento. A superficie media alugada rolda os 100 euros en Galicia.

Este informe inclúe por primeira vez datos sobre os depósitos de fianza das comunidades autónomas, é dicir, sobre a cantidade que abona o inquilino en concepto de fianza polo aluguer dun piso e que equivale a un mes de arrendamento. Segundo Fomento, iso permite ofrecer unha aproximación á renda media do aluguer e a superficie media da vivenda.

Os datos recollidos por Fomento constatan que o aluguer é lixeiramente máis barato que o que reflicten habitualmente as estatísticas dos portais inmobiliarios Fotocasa e Idealista.

En concreto, de acordo cos datos de fianzas autonómicas, o prezo medio dun aluguer en España, para un piso de case 96 metros cadrados, é de 8,1 euros por metro cadrado, fronte aos 8,3 euros do prezo medio de oferta de Fotocasa e os 10,4 euros de Idealista. 

No informe recóllense datos de dez comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Fomento constata neste informe que Madrid, Cataluña, País Vasco e Baleares son as comunidades autónomas onde máis caro resulta alugar unha vivenda, mentres que Galicia e Castela e León son as máis baratas.

Se se analizan os datos en función do custo medio do aluguer por metro cadrado, a provincia máis cara é Guipúscoa, con 11 euros por metro cadrado), seguida de Madrid (10,7 euros), Barcelona (9,6 euros) e Biscaia (8,7 euros).

MÁIS DE 700.000 NOVOS FOGARES EN ALUGUER

Segundo o Observatorio, desde principios de ano hai máis de 700.000 novos fogares en aluguer ou cesión en España. No conxunto do Estado, o peso do aluguer alcanza o 23,9%, taxa que supera en máis de 3,5 puntos a de 2011, cando se situaba no 20,4%.

Por comunidades, as que teñen unha maior porcentaxe de vivendas en aluguer son Canarias (34,5%), Baleares (34,1%), Cataluña (30,4%) e Madrid (26,6%), ademais da cidade autónoma de Ceuta (27,6%), incluíndo aluguer a prezo de mercado, a prezo inferior a mercado e a cesión gratuíta.

Temas: ALUGUER VIVENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As estatísticas todo o soportan... pero cando atopes un piso de 100 m2 en Vigo por 439 euros AVISA que facemos negocio fixo !!!