Por Paco Gallego | Ferrol | 15/05/2012 | Actualizada ás 18:16
Estas son as dúas imaxes das respectivas campañas. A de Mercedes-Benz é de febreiro de 2011, como se pode comprobar nesta web sobre publicidade.
A imaxe publicitaria do Concello de Ferrol corresponde a un certame que premiou os mellores proxectos nas modalidades de Pintura-Escultura, Fotografía, Relato curto-Cómic, Música e Vídeo-Arte. O primeiro edil da cidade salientara, durante a entrega dos premios o pasado venres, a importancia e plena actualidade de valores como "o esforzo, o traballo, o sacrificio e o espírito emprendedor". Estes premios foron promovidos pola Concellaría de Xuventude. Desde o Gabinete de Prensa do Concello non se deu resposta ás nosas dúbidas. A Concellaría de Xuventude derivounos a Xerencia de Servizos Sociais, Unidade Administrativa que tería tramitado, segundo persoal de Xuventude, esta contratación, pero non foi posible contactar.
Nesta outra imaxe pódense ver as dúas campañas unha ao lado doutra. Un cerebro creador con lazos de cores, e o xogo de hemisferios esquerda-dereita fronte a pensa-sente. O hemisferio dereito está especializado, efectivamente, nas sensacións, e é ese o eixo central do xogo da campaña da axencia israelí.
Consultadas diversas fontes de prestixio no mundo da comunicación, os custes desta campaña poderían pasar dos 10.000 euros, atendendo á variedade e calidade do material adaptado a esta gráfica. De ser así, o Concello podería ter iniciado ou ben un procedemento aberto de contratación, en cuxo caso tería de ser publicado en prensa, ou un procedemento negociado sen publicidade, solicitando apenas tres orzamentos, iniciando logo o expediente de contratación.
En todo caso, o facebook da propia Concellaría de Xuventude arde con acusacións de plaxio e contrarrespostas dos seus responsables que resultan ben curiosas. Lonxe de ser os primeiros en interesarse polo que puidese acontecer a respecto dese posible plaxio -lembremos que o Concello sería de inicio a primeira vítima do suposto engano- contratácase sinalando unha imaxe semellante empregada noutra web, e acompañando o enlace con estas palabras: "Demóstrase que, por orixinal que queiras ser, non hai nada novo baixo o sol" (ver imaxe na columna da dereita). Fontes que coñecen en profundidade o funcionamento do Concello de Ferrol salientan que "a estas horas sería moi estraño que o propio Alcalde noin estivese xa ao tanto".
Fóra de aspectos como que a campaña de Xuventude chega a calcar non só a imaxe, se non a idea-forza dos diferentes usos dos hemisferios do cerebro, traducindo de feito a unha linguaxe directa o que a campaña de Mercedes-Benz suxería indirectamente, os responsables de Xuventude non se deron de conta de que esta segunda imaxe usada como defensa é moi posterior (novembro de 2011) á propia campaña de Mercedes-Benz, de febreiro do mesmo ano, polo que só demostraría outro plaxio do traballo da axencia israelí. En todo caso, a imaxe tomouse, precisamente, dun blog sobre "Ciencia e espiritualidade traballando con cabalos", Zenmindzenhorses, curiosamente.
A campaña de Mercedes-Benz contaba con máis imaxes que complataban, reforzaban e incidían na idea forza dos sentidos do lado do goce da súa marca. Algunhas delas pódense ver neste blog sobre publicidade.
Precisamente, o Concello de Ferrol xa se vira nun caso de denuncia contra a súa publicidade no pasado mandato presidido por Irisarri. Daquela, o conflito estalara cando uns pais denunciaron que a imaxe do seu fillo menor de idade era a empregada para promover a Semana Santa de Ferrol no ano 2009. Imaxe co cartel da discordia na columna da dereita. A cara do menor está emborronada para evitar o seu recoñecemento.
Isto é o que se indica dende a web municiapal do Concello de Ferrol a respecto da entrega destes premios o venres 11 de maio:
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o venres a entrega dos premios Lidera Ferrol, unha iniciativa coa que o goberno municipal, a través da Concellería de Xuventude, quere poñer en valor o talento e a creatividade dos mozos e mozas da cidade. A gala desenvolveuse na capela do Centro Cultural Torrente Ballester e estivo amenizada polo grupo de música “Padel Rock”.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade destacou o carácter “innovador e pioneiro” deste certame, ao que se presentaron na súa primeira edición unha trintena de proxectos tanto individuais como colectivos nas categorías de Pintura-Escultura, Fotografía, Relato curto-Cómic, Música, Vídeo-Arte, Deseño de páxina web, Deseño de producto e Teatro-Danza. Rey Varela sinalou que o obxectivo deste programa “é poñer en valor o traballo, o talento e a creatividade da mocidade ferrolá”; e avanzou que a pretensión do Concello “é consolidar Lidera Ferrol como unha cita ineludible para amosar e presumir da creatividade da nosa xuventude”.
Ao fío disto, o rexedor municipal manifestou que “a mocidade é o presente e futuro de Ferrol”, e que con iniciativas como estes premios “apostamos por favorecer o protagonismo deste colectivo na vida política, económica, social e cultural da cidade, coa finalidade de que exerzan unha cidadanía activa”. Por último, Rey Varela, destacou a importancia que teñen valores como o esforzo, o sacrificio, o traballo e o espírito emprendedor, sobre os cales dixo que “hoxe en día son máis necesarios que nunca, tendo en conta a difícil situación económica e como esta castiga de maneira especial aos xóvenes cando se enfrontan ao mercado laboral”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.