Un altercado deixa dous funcionarios feridos na prisión da Lama

O suceso ocorreu o pasado venres, cando un preso de primeiro grao se negou a deixar o patio para ir á cela.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 28/09/2019 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

Dous traballadores do cárcere pontevedrés da Lama resultaron feridos este venres nun altercado sucedido cun preso de primeiro grao que, segundo apuntaron os sindicatos, tratou de esganar a un dos funcionarios, mentres que golpeou a outro nas costelas.

Segundo informaron fontes próximas, o suceso ocorreu sobre as 20,00 horas deste venres, cando un preso de primeiro grao negouse a deixar o patio para ir á cela. Tras media hora, os funcionarios conseguiron que accedese e fose para unha cela de illamento, onde comezou a "esnaquizalo todo".

Os sindicatos de prisións aseguraron que, no transcurso do altercado, o preso ameazou de morte aos funcionarios que, ao entrar na cela para reducilo, foron atacados. En concreto, explican, ao abrir a porta golpeou "fortemente" a un dos traballadores no costado e, posteriormente, agarrou ao outro do pescozo, tratando de asfixialo.

No operativo para a redución do preso participaron cinco funcionarios e o xefe de servizo, dos que dous resultaron feridos, un con mazaduras no pescozo e outro cunha posible fisura de costela da que foi asistido no Hospital Domínguez.

ACIRRADO POR OUTROS

Fontes sindicais apuntaron que, mentres se producía o altercado, o agresor "era acirrado por outros presos igualmente perigosos do mesmo departamento", que "gritaban ameazas e golpeaban as portas das celas".

Estes feitos, indican os sindicatos, xeraron unha "gran alarma entre o mermado persoal de traballadores" do penal pontevedrés, que ten nos módulos de réxime especial "a carencia máis dramática". Do mesmo xeito, denuncian que o módulo de illamento está "masificado".

Os episodios violentos de presos e a carencia de persoal na Lama foron denunciados polos sindicatos esta semana, durante a celebración da patroa de Institucións Penais, cando se concentraron ante o cárcere para alertar da "situación crítica" na que se desenvolve o seu traballo.

Prisión de A Lama
Prisión de A Lama | Fonte: blogcarcelalama.blogspot.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta