Proposta de Ciudadanos para facer seguimento aos maiores que viven sós na Coruña

Tamé propoñen a optimización dos servizos de axuda a domicilio e teleasistencia que ofrece xa o Concello.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2019 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

A portavoz do Grupo Municipal Cidadáns na Coruña, Mónica Martínez, levará ao pleno ordinario do xoves unha moción para solicitar que se poña en marcha un plan municipal específico para mellorar a calidade de vida dos maiores, especialmente dos que viven sós na Coruña. Entre as medidas está un censo voluntario para facer seguimento destas persoas.

"O envellecemento, ligado ao avance da medicina e da calidade de vida, é un éxito que debe acompañarse de dereitos e de servizos para estas persoas. É unha realidade que hai que asumir e que debemos afrontar", asegurou Mónica Martínez.

Así, a edil ve necesario dar "un paso máis na política municipal de atención" a este colectivo. "Cremos que a información lles debe chegar máis e mellor, sen que sexan eles os que teñan que ir buscala polo que traemos a Pleno un conxunto de medidas para promover unha vida social activa e mellorar a asistencia e coordinación do Concello cara aos nosos maiores, especialmente por aqueles que viven sós", explicou.

Entre as medidas que propoñen está a elaboración dun censo municipal voluntario que axude a determinar, localizar e posteriormente ofrecer un seguimento, aos maiores que residen sós no municipio. "Un censo no que mesmo podería apuntarse voluntariamente a xente a proposta dunha carta enviada desde o Concello ao cumprir, por exemplo, 65 anos", apuntou a edil de Cidadáns.

Outra das medidas que propoñen é a optimización dos servizos de axuda a domicilio e teleasistencia que ofrece xa o Concello. "Propomos que o Concello sexa o que ofreza participar de maneira gratuíta aos maiores de 60 anos no servizo de teleasistencia, se así o desexan. En Galicia só un 1,8% da poboación ten teleasistencia, fronte ao 8% no resto de España", sinalou.

Persoas maiores. EN MAREA - Arquivo
Persoas maiores. EN MAREA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta