Por Galicia Confidencial | Carnota | 16/05/2012 | Actualizada ás 21:18
O concello de Carnota, iniciará este verán o proxecto de voluntariado patrimonial "Torre dos Mouros", polo cal aspira recuperar un espazo arqueolóxico "neodescuberto" recentemente no Monte do Castro en Lira (Carnota).
Para este fin, o concello nacionalista contará coa supervisión do arqueólogo Antón Malde e do profesor e director de culturagalega.org, Manuel Gago. Os traballos, que se desenvolverán ao longo do verán en 3 fases, centraranse en efectuar un desbroce superficial de todo o conxunto, con especial énfase en identificar 3 estruturas murarias, asi como tratar de averiguar a súa datación e funcionalidade, que seguen a ser unha completa incógnita.
Traballo de desbroce inicial
O Concello de Carnota informa nun comunicado que xa solicitou os permisos necesarios á Dirección Xeral de Patrimonio, e coordinará uns traballos que xa comezaron a pasada fin de semana coa limpeza e axeitamento do camiño de acceso ao sitio arqueolóxico. Ademais o municipio facilitará avituallamento e enseres necesarios a cada persoa que desexe contribuir nos traballos. Os interesados poden escribir a info@concellodecarnota.com ou ben chamar ao teléfono 981 85 70 32.
Con esta iniciativa o executivo municipal quere tamén demostrar que malia as dificultades, se usamos a imaxinación e contamos con todos é posíbel seguir desenvolvendo as potencialidades do noso municipio e mellorando a calidade de vida dos seus habitantes, cun custe practicamente cero para as maltreitas arcas municipais.
Novos decubrimentos na Mariña
A asociación Mariñapatrimonio informou ao Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura sobre a existencia de dous bens patrimoniais: unha mámoa, coñecida co nome de A Cova de Ouro e un petróglifo dos denominados reticulados.
Estes dous bens patrimoniais foron incluídos polo citado Servizo de Patrimonio no inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio tras as xestións realizadas por esta entidade.
Segundo os expertos, os petróglifos reticulados son dos máis antigos de Galiza, coñécense poucas rochas con este tipo tipo de gravuras e concéntranse case exclusivamente na provincia de Pontevedra. O túmulo da Cova de Ouro probablemente deba o seu nome ao feito de que o ouro frecuentemente formaba parte do enxoval funerario enterrado nas mámoas.
Mariña Patrimonio suliña que estes dous novos achados súmanse á lista de xacementos arqueolóxicos da Mariña, amosando a riqueza patrimonial da comarca. Podes consultar fotos aquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.