O día das letras e o galego

Os anos pasan e as follas do calendario caen case sen decatarnos. Camiñamos pola vida na percura de obxectivos que ás veces resultan inalcanzables. O día das letras empezou a súa andaina no 1963 co obxectivo de conmemorar o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 17/05/2012

Comparte esta noticia
Dende esa data son 49 os persoeiros que  leva  homenaxeado a Academia Galega. Este ano está adicado a Valentín Paz Andrade, importante persoeiro no campo da cultura e do mundo empresarial que deixou unha pegada moi positiva para Galiza.  O acordo da Real Academia Galega de crear esta data,    foise convertindo nun día  de carácter reivindicativo a prol do idioma e da literatura galega, chegando a alcanzar a categoría de día non laborable coa posta en marcha da Autonomía.  No seu inicio perseguía os mesmos obxectivo que hoxe: normalizar o idioma e a literatura na nosa terra. Por tal motivo dignificar a fala, arredando  o autoodio inculcado durante os anos do franquismo, era e é  o obxectivo desta conmemoración. Así, ate a chegada da democracia e incluso nos primeiros anos da transición política,  saíamos as rúas ofertando libros e manifestos políticos en defensa dun idioma maltratado durante moitos anos; dando a coñecer a persoeiros e escritores senlleiros que foron  e son modelos a seguir na defensa da fala.  Pois, o noso foi un  idioma tildado de fala de aldeanos  pailáns que era  empregado básicamente  pola xente  do rural,  que era menos aventaxada diante o modelo  de cultura oficial imperante.  Pasaron os anos e o galego estudiouse nas escolas, e certa normalidade fíxose  rutina, máis que por apego e querencia, por obriga para aprobar o  ensino oficial. Con todo, o noso idioma a día de hoxe, perde espazo e falantes. Sigue sin ser o idioma primeiro na nenez e sigue relegado a ser unha fala para andar pola casa. 
Posiblemente, coa análise do tempo transcurrido, hoxe sexa o momento máis acaído para reflexionar sobre o futuro desta fala, da súa norma escrita e da realidade na que lle toca existir. Pois diante o pragmatismo e a utilidade doutros idiomas como o inglés e o castelán, o futuro do galego;  o futuro   do pai do portugués, está en perigo de existencia.
 
Esto que afirmo pode parecer un chisco  exaserado ou radical. Máis coido que non. Pois coa caída demográfica que se prevé na nosa terra, caída que traerá a desaparición da xente que empregaba maioritariamente o galego, o idioma reséntirase  aínda moito  máis do que o está hoxe. Polo que urxe a toma de decisións que impliquen un  consenso político,  si realmente se aspira e se quere salvar o idoma como elemento de distinción, de herdanza cultural  que expresa unha forma de vida; unha filosofía de vida e unha forma distinta de expresar sentimentos e de actuar no mundo. Vivimos momentos nos que o ataque ao noso idioma dende o gobernó galego son evidentes. Por tal motivo o galego ten que voltar  as súas raíces aliándose coa fala do seu fillo o portugués. Isto non quere dicir que vaiamos a falar o portugués, non. Mais ten que implicar un achegamento pola base do entendemento, de ver as similitudes, a utilidade práctica  e mesmo a realidade  como lingua para camiñar conxuntamente pola orbe posiblemente como o galego-portugues. Neste senso sería moi importante que se ensinara a lingua galega á par que a portuguesa facendo fincapé na diversidade da escrita, pero incidindo nas vantaxes que ten coñecer ben estas dúas formas de expresarse.
 
Son consciente de que existen problemas e que o principal pode ser a grafía. Pero a realidade esixe unha reflexión nun mundo cada día máis globalizado incluso no cultural e no idiomático.
 
Hai máis de trinta anos moitos saíamos ás rúas  para promocionar unha fala e unha literatura, e agora coa oficialidade en vigor e sendo un día festivo, a festa perdeu o carácter reivindicativo e soio é un día de praia, descanso ou diversión. Os anos pasan e os obxectivos resultan inalcanzables.  Rematarei recurridndo a un dito: nunca é tarde para empezar, e engádolle: pero cando antes se empece a afrontar o problema  mellor. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com