O PP de Ferrol pide un pleno extraordinario para reclamar a reapertura das Pontes ou a dimisión da ministra de Industria

"Estamos desde o noso punto de vista ante unha nova reconversión industrial", apuntou o presidente do PP de Ferrol José Manuel Rey, lembrando que "este verán uns 400 traballadores perderon o seu posto de emprego no sector naval".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou no rexistro municipal unha petición para celebrar un pleno extraordinario para afrontar a situación que se xerará nesta comarca tras o anuncio por parte de Endesa de que pechará a central térmica das Pontes e no caso de que non se reabra, avanza que solicitarán a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica.

Segundo Rey Varela este foi un dos acordos ao que chegaron os portavoces populares, conxuntamente con deputados autonómicos e provinciais, nun encontro celebrado este domingo, 29 de setembro, nas Pontes de García Rodríguez, onde tamén acudiron o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, os presidentes provinciais do PP na Coruña e Lugo, e alcaldes de Ferrolterra, Eume, Ortegal e das comarcas lucenses da Mariña e Terra Chá.

"Estamos desde o noso punto de vista ante unha nova reconversión industrial", apuntou o tamén presidente do PP de Ferrol, lembrando que "este verán uns 400 traballadores perderon o seu posto de emprego no sector naval", ao que se engade que, a decisión de Endesa supón a perda de 700 empregos "na comarca máis castigada polo paro de toda Galicia".

Segundo Rey Varela, a esta situación chegouse como consecuencia da "política irresponsable en materia enerxética do Goberno socialista, máis preocupado polos xestos que de cumprir unha política comunitaria".

DIVERSAS FRONTES

Así, lembrou que "Endesa está a acometer un investimento de máis de 200 millóns de euros para adaptarse a estes requirimentos", incidindo en que as políticas do Executivo central tamén están "a pór en risco outras empresas, como Alcoa, Megasa e o porto de Ferrol". "A nosa Autoridade Portuaria ten en Endesa e Alcoa as súas principais fontes de ingresos", agregou respecto diso.

"Non imos consentir nin por acción nin por omisión o peche desta central, que é clave para os empregos de agora e tamén para o futuro", proclamou o portavoz municipal e tamén deputado autonómico. "Esta comarca xa sabe o que é unha reconversión e o que supuxo, boas condicións de prexubilacións pero desemprego para os nosos fillos, perda constante de poboación e de oportunidades económicas", agregou.

O membro do PP asegurou que as peticións de plenos extraordinarios estenderanse por todos os municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais da Mariña e a Terra Chá lucense, "para mostrar claramente o apoio aos traballadores da industria principal, da auxiliar, dos transportistas que están encerrados en varios concellos e tamén aos traballadores do porto".

José Manuel Rei Varela presentando a iniciativa do PP para reclamar plenos extraordinarios polo peche de Endesa nas Pontes
José Manuel Rei Varela presentando a iniciativa do PP para reclamar plenos extraordinarios polo peche de Endesa nas Pontes | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta