Santiago ten a maior carga poboacional en todo o verán e Sanxenxo case triplica a súa poboación

Esta carga poboacional débese, en primeiro lugar, aos desprazamentos por traballo, seguidos do peso do turismo, a influencia das segundas vivendas, os estudos e os motivos de saúde.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/09/2019 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela é, do sete cidades galegas, a que rexistra unha maior carga poboacional durante o verán, un período no que a poboación presente e non residente supón case o 20% dos seus habitantes. Así o reflicte a estatística de carga poboacional publicada este luns polo IGE, con datos recolleitos en 2017, e na que se pode observar que son as grandes cidades, a costa pontevedresa e algún destino como Barreiros, en Lugo, os que reciben máis cantidade de poboación non residente durante o verán, a causa do turismo.

Neste sentido, segundo a estatística, durante o verán de 2017 o municipio que rexistrou unha maior carga poboacional foi Sanxenxo, onde o incremento de persoas supuxo un 186% do seu habitantes habituais. Do mesmo xeito, o concello de Mondariz Balneario, de só 692 residentes, recibiu 1.122 persoas, o que supón unha taxa de carga poboacional de 162,14; mentres que O Grove mantívoa no 143.88.

Lonxe dos grandes centros das Rías Baixas, o municipio lucense de Barreiros, de 2.971 habitantes, soporta durante o verán unha carga poboacional do 136,65%, mentres que A Teixeira, un pequeno concello ourensán marcado pola emigración, crece un 135%.

FLUXOS DE POBOACIÓN NO VERÁN

Durante o terceiro trimestre do ano 2017, o que se corresponde co verán, os concellos con maior saldo poboacional foron as cidades da Coruña, Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo e Santiago, ademais dos municipios de Sanxenxo, O Grove, Nigrán e Baiona.

Os fluxos de poboación no verán, con todo, afectan o conxunto dos municipios galegos. Así, durante o primeiro, segundo e cuarto trimestre de 2017, a maioría dos concellos tiveron un saldo poboacional negativo, máis de 230, o que supón que sae máis poboación deles da que chega. Con todo, no terceiro trimestre a situación invírtese, e o saldo poboacional é positivo en máis de 250 municipios.

En canto ás cidades, Santiago é a que rexistra, durante o verán, un maior incremento da súa poboación, próximo ao 20 por cento. Esta carga poboacional débese, en primeiro lugar, aos desprazamentos por traballo, seguidos do peso do turismo, a influencia das segundas vivendas, os estudos e os motivos de saúde.

En relación ao resto de cidades, ten un peso especial o traballo en Vigo, A Coruña e, en menor medida, Ferrol, mentres que en Pontevedra a maior influencia exércena as segundas vivendas, do mesmo xeito que en Ourense e en Lugo.

É destacable, en relación ao resto do ano, a influencia na carga poboacional que teñen os estudantes que se desprazan á Universidade de Santiago, que supoñen case a metade da carga neste ámbito durante os outros tres trimestres e manteñen as cifras en Compostela sobre o 20% durante todo o ano.

Catedral de Santiago de Compostela.
Catedral de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta