Eixo Atlántico pide competencias para os concellos porque ve unha "asimetría" de incentivos entre Galicia e Portugal

"A dicotomía non é A Coruña/Vigo, ou Vigo/O Porto, nin sequera Vigo/Lisboa, a xente vaise para o Mediterráneo" di o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/09/2019 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, chamou a atención este luns sobre a "asimetría absoluta" que existe entre os incentivos empresariais en Portugal, que "son reais", e os que se ofrecen en Galicia, e apostou por incrementar o papel competencial dos concellos na captación de empresas.

Así o dixo durante a presentación da 'Guía para a captación de investimentos na área do Eixo Atlántico', un documento que busca servir de libro de boas prácticas para a captación de investimentos e a instalación de empresas nas cidades da Eurorrexión, ás que instou a "colaborar" en lugar de "pelexar uns con outros".

"A dicotomía non é A Coruña/Vigo, ou Vigo/O Porto, nin sequera Vigo/Lisboa, a xente vaise para o Mediterráneo", dixo Vázquez Mao, que reclamou que os distintos integrantes da área "cooperen" e compartan boas prácticas en beneficio do conxunto da Eurorrexión. Entre as cuestións sobre as que chamou a atención están os incentivos, un capítulo no que alertou sobre a "asimetría absoluta" entre Portugal, onde "son reais", e Galicia.

PAPEL DOS CONCELLOS

Na mesma liña, o presidente do Eixo, Alfredo García Rodríguez, apuntou que a principal "diferenza" entre as cámaras municipais portuguesas e os concellos galegos son "as competencias". "Hai que definir as competencias que teñen os concellos galegos", dixo García Rodríguez, á vez que lembrou que en cuestións como as baixadas de impostos a súa capacidade é "limitada". "Quen teña que facer este traballo de captar empresas para Galicia, que o faga, pero os concellos non temos esa capacidade", destacou.

Tamén sobre esta cuestión incidiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que lamentou que os resultados en Galicia estean "a ser peores" aínda partindo "dun punto superior". Para Sánchez Bugallo, os gobernos locais deben "implicarse en materia de captación de empresas" e de investimentos, pero, para iso, "teñen que ter a capacidade". Do mesmo xeito, reclamou competencias en aspectos como políticas de emprego e que "se levante o freo" que existe para "o investimento" dos fondos propios.

No acto participou tamén o presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, José María Costa, que reivindicou o papel municipal neste ámbito e fixo fincapé nos beneficios de "acompañar as empresas durante todo o proceso" e establecer unha "relación fluída".

CONECTIVIDADE

José María Costa mencionou así mesmo a cuestión da competitividade, algo no que tamén incidiu Xoán Vázquez Mao como unha das claves da Eurorrexión. Neste aspecto, e tendo en conta o informe, Vázquez Mao chamou a atención sobre os "datos demoledores" dos aeroportos galegos en relación ao do Porto e criticou a "confrontación".

De feito, o secretario xeral do Eixo Atlántico reiterou que o Sá Carneiro é "unha gran aliado dos aeroportos galegos", sempre e que se "colabore" e non se "siga dispersando" nin "confrontando". Na actualidade, dixo, o aeródromo do norte portugués ten "o dobre de destinos" que o conxunto dos tres galegos e, ademais, pon en conexión a Eurorrexión con importantes "hub" de voos, destacando a importancia da "calidade" a maiores da cantidade. "Mentres algúns sigan na política da confrontación, non imos a ningún lado", dixo Vázquez Mao, que apostou por coordinar políticas de incentivos, portos, aeroportos ou infraestruturas.

Presentación da guía para a captación de investimentos do Eixo Atlántico.. EIXO ATLÁNTICO
Presentación da guía para a captación de investimentos do Eixo Atlántico.. EIXO ATLÁNTICO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta