Seria advertencia da Valedora do Pobo a Sanidade polas listas de espera

O informe de 2018 indica que as políticas de contención de gasto afectaron a esta área e que os problemas estruturais "non varían".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2019 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O informe da Valedora do Pobo relativo a 2018 sitúa a sanidade pública no foco das queixas dos cidadáns e constata que as denuncias por distintas cuestións "estruturais" como os atrasos nas listas de espera non diminúen, aínda que si que recoñece que o departamento autonómico soluciona casos individuais tras recibir a alerta da institución.

A Valedora do Pobo entrega ao presidente do Parlamento o informe correspondente a 2018
A Valedora do Pobo entrega ao presidente do Parlamento o informe correspondente a 2018 | Fonte: Europa Press

En todo caso, a Valedora remarca que hai "problemas recorrentes" que necesitan "dunha abordaxe complexa pero necesaria".

"Aínda que é lícito recoñecer que a Consellería de Sanidade atende en boa medida as iniciativas da valedora tendo en conta que un bo número de expedientes finalizan satisfactoriamente debido a que a Administración corrixe a incidencia durante a tramitación mesma do expediente (principalmente en materia de atrasos en consultas, intervencións e probas diagnósticas), con todo, apréciase que os problemas que subxacen nese tipo de denuncias non baixaron", constata.

Engade o informe, nas súas consideracións finais, que "se melloran os casos individuais e concretos que chegan a esta oficina", pero "as disfuncións estruturais non varían".

Así, conclúe, as denuncias en materia de atrasos nas listas de espera ou a cobertura de baixas temporais en certas especialidades "son problemas de continua xestión" na oficina da Valedora.

CONTENCIÓN DO GASTO

A Valedora subliña que resulta "comprensible" a "preocupación" que a cidadanía mostra pola asistencia sanitaria e constata que as decisións políticas adoptadas nos últimos anos "dirixidas a manter o sistema financeiro a través da contención do gasto público" afectaron "transversalmente a diversas áreas do sistema de benestar, entre as que se atopa a sanidade pública".

"A continuidade no tempo destas medidas implica que a administración sanitaria debe afrontar o importante reto de conxugar a oferta dunha sanidade pública de calidade que poida dar resposta ao crecente aumento da demanda asistencial orixinada tanto polas circunstancias demográficas, culturais e sociais como pola precariedade económica e a consecuente diminución dos recursos individuais, preservando á súa vez un sistema de saúde eficaz, equitativo e solvente", recolle.

MELLORAR O TRATO

Finalmente, a Valedora fai unha serie de suxestións, empezando por que a reorganización na xestión de centros e servizos sanitarios, tanto a nivel de recursos humanos como de espazos físicos e recursos materiais, "debe garantir unha asistencia de calidade a toda a poboación afectada".

Engade que a xestión das listas de espera "debe realizarse" en base a criterios "complexos" de priorización e "con total transparencia". "Priorizar en función da gravidade, efectividade e oportunidade da atención sanitaria supón fixar diferenzas entre as solicitudes de atención que obriga a dilatar no tempo a asistencia de determinadas patoloxías dificilmente entendible para o cidadán", esgrime.

En terceiro termo, o informe conclúe que resulta "fundamental" implantar iniciativas que contribúan á "concienciación e sensibilización" dos profesionais que traballan no ámbito sanitario para "mellorar o trato aos usuarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta