Un vehículo que circulaba en sentido contrario causa un accidente na AP-9 en Culleredo

En concreto o condutor ía cara á Coruña no carril sentido Santiago de Compostela e o sinistro produciuse no punto quilométrico 5 da AP-9.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2019 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

O accidente que na noite deste martes se saldou con tres persoas feridas leves foi causado por un condutor kamikaze que circulaba en sentido contrario pola autoestrada AP-9 ao seu paso polo termo municipal de Culleredo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da Garda Civil, que confirmaron que o sinistro se produciu pouco antes das 21,00 horas á altura de Vilaboa, na AP-9, cando un vehículo que ía en sentido contrario chocou con outro.

En concreto o condutor kamikaze ía cara á Coruña no carril sentido Santiago de Compostela e o sinistro produciuse no punto quilométrico 5 da AP-9 en sentido á capital galega.

Tras ter constancia do accidente a través de varias persoas particulares que contactaron co 112 Galicia, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Betanzos e da Garda Civil de Tráfico.

Ademais, por parte do 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Local, ao Servizo Municipal de Protección Civil e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Culleredo.

O 061, sinalaron a Europa Press fontes sanitarias, desprazou ao lugar unha ambulancia asistencial que trasladou ao Hospital San Rafael a tres homes; J.G.G., de 69 anos; F.F.G., de 61 anos; e R.F.C., de 62.

Tramo da AP-9 ao seu paso por Culleredo
Tramo da AP-9 ao seu paso por Culleredo | Fonte: google maps

DESCOIDO

A investigación levada a cabo pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil da Coruña apunta a un "descoido" do condutor kamikaze.

Así o indicaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, que relataron que o sinistro ocorreu despois de que un condutor de mediana idade, por un posible "descoido", se incorporase á AP-9 desde a área de servizo do Burgo en sentido contrario nun carril da dirección Santiago cando ía cara á Coruña.

As mesmas fontes apuntaron que conduciu en sentido contrario aproximadamente "un quilómetro e medio" cara á Coruña polo sentido Santiago da AP-9. Aínda que foron alertadas patrullas de Tráfico, non puideron impedir que o vehículo kamikaze impactase contra outro, o que causou "feridas leves" ao condutor deste e aos dous ocupantes do outro turismo.

Os condutores dos dous vehículos obtiveron resultado negativo nas probas de alcol e drogas aos que foron sometidos. Tráfico procedeu a investigar ao kamikaze por un delito de condución temeraria e outro de lesións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta