O noveno teito de gasto que aproba a Xunta será "prudente" pero "de máximos"

O teito de gasto será remitido ao Parlamento para a súa aprobación por parte do pleno da Cámara. Este trámite fixouno por primeira vez a Lei de disciplina orzamentaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2019 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobará este xoves o seu noveno teito de gasto, que será, se se cumpren os parámetros avanzados polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, "de máximos" --o correspondente a 2019 situouse en 9.850 millóns de euros--, aínda que elaborado coa "prudencia" que esixe estar pendente de datos financeiros que son claves para articular uns orzamentos.

Diso queixouse Feijóo na rolda de prensa do Consello da semana pasada, quen avisou que as contas se poderían ver modificadas a posteriori e baixar se así o determinan os ingresos que reciba a comunidade.

Fontes da Xunta  ratificaron que nesta última semana nada cambiou, polo que as palabras do presidente, quen confirmou que Galicia tería novos orzamentos para 2020 no Debate sobre o Estado da Autonomía, seguen sendo válidas.

Ademais, este mesmo mércores, o vicepresidente, Alfonso Rueda, contrapuxo a "estabilidade" e "responsabilidade" da Xunta ao aprobar o teito de gasto coa actitude do Goberno central. E é que Rueda esgrimiu que, dos 700 millóns de débeda que esixe Galicia, á marxe do "insuficiente" compromiso de devolver unha parte, nada foi "ingresado" ata o momento.

NOVENO TEITO DE GASTO

Así as cousas, o que se aprobe mañá será o noveno teito de gasto que aproba a Xunta. O primeiro recibiu a luz verde do Parlamento autonómico en setembro de 2011 e, desde entón, o Executivo autonómico aprobou límite de gasto todos os anos, sen excepción.

Tras a aprobación no Consello, o teito de gasto será remitido ao Parlamento para a súa aprobación por parte do pleno da Cámara. Este trámite fixouno por primeira vez a Lei de disciplina orzamentaria impulsada en 2011 pola entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás.

Reunión do Consello da Xunta do xoves 26 de setembro.. XUNTA
Reunión do Consello da Xunta do xoves 26 de setembro.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Galicia foi a primeira comunidade en aprobar unha lei destas características, un paso que despois foi imitado por outras comunidades e o Goberno central. A aprobación dun límite de gasto non financeiro é un paso obrigatorio para poder aprobar o proxecto de Lei de orzamentos e remitilo ao Parlamento para a súa tramitación. Establece a capacidade máxima de gasto que terá o Goberno galego para elaborar os seus orzamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta