Sanidade aspira a superar as coberturas na vacinación antigripal 2019

O director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, incidiu en que coa vacinación se prevén a gripe e que buscan aumentar as coberturas, sobre todo, en embarazadas e persoal sanitario.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade aspira a superar as coberturas en embarazadas e persoal sanitario, cun obxectivo do 55 e 50 por cento, respectivamente, coa campaña de vacinación antigripal de 2019, que representa a "mellor arma preventiva".

Así o manifestou o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, en resposta a unha pregunta do grupo popular en comisión parlamentaria sobre a campaña de vacinación contra a gripe en Galicia.

Deste xeito, o director xeral incidiu en que coa vacinación se prevén a gripe, que na tempada pasada supuxo 2.353 ingresos, deles o 6% recibiron atención en UCI en Galicia. E situou a letalidade nun 5,6 por cento.

Paz-Ares lembrou, ademais, que "melloraron as coberturas" na poboación xeral, cun 58,6% nos maiores de 65 anos. O ano pasado, valorou, "27.715 galegos máis" se vacinaron que na campaña de 2017. Por iso, indicou que Galicia se sitúa entre as autonomías á cabeza en cobertura, "catro puntos por encima da media nacional".

Nesta liña, celebrou o "éxito" da cobertura en embarazadas en 2018, co 52 por cento, "o dobre que en 2017", abundou, mentres que entre o persoal sanitario subiu "case 28 puntos desde 2014" ata o 46 por cento, 7,2 puntos máis que o ano anterior. Iso coloca a Galicia na "segunda posición a nivel nacional e 10 puntos de diferenza coa comunidade en terceira posición", apostilou.

OBXECTIVOS

Deste xeito, en 2019 Sanidade aspira a superar o 35 por cento de cobertura nas persoas de 60 a 64 anos; e o 65% entre os de 65 ou máis idade, sinalou o director xeral. Para iso, a Xunta adquiriu 615.000 doses, 7.000 máis que o ano pasado, con "doses máis vantaxosas". Nestas vacinas investiu uns 3,5 millóns de euros, 1,3 máis que o ano pasado.

A campaña estenderase do 14 de outubro ao 27 de decembro, o que supón "11 semanas seguidas por primeira vez na historia de Galicia". E para o persoal sanitario comezará unha semana antes, o día 7.

Vacina da gripe. EUROPA PRESS
Vacina da gripe. EUROPA PRESS | Fonte: CONSELLERÍA DE SAÚDE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta