Tres semanas sen docentes en materias do Mestrado de Profesorado da Universidade de Santiago

80 alumnos denuncian a situación e din que "non é un problema illado", senón "un síntoma máis das políticas que se están a desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela nos últimos anos". Desde a institución académica anuncian a incorporación dos profesores que faltan o 7 de outubro, lamentan as molestias e din que "hai un compromiso do departamento para recuperar o tempo perdido".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/10/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Pasaron tres semanas do inicio das clases do Mestrado de Profesorado da Universidade de Santiago (USC) e, "a día de hoxe", xa metidos en outubro e co curso avanzando, o Mestrado de Profesorado da USC carece de profesores que impartan as especialidades de Linguas e Ciencias experimentais, unha anomalía denunciada por 80 estudantes a este xornal.

Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Os alumnos critican que "continúan sen docencia nalgunha das tres materias afectadas, que son centrais nesta titulación". Tras pedir explicacións, a USC ofreceulles unha resposta "tardía" que non satisface ao estudantes, xa que se argúen "problemas burocráticos puntuais" como causa desta deficiencia.

Os órganos responsables do mestrado xustifican que a situación se debe á demora na convocatoria de certas prazas e á lentitude na resolución das mesmas. Segundo os propios alumnos, os responsables do mestrado "prometeron próximas incorporacións nos departamentos correspondentes". Indican, ademais, que se trata de "prazas inestables que non garanten a superación destes feitos". 

Os estudantes matriculados aseguran que non se trata dunha situación puntual, senón doutro "síntoma" das políticas da institución académica nos últimos anos. "Somos conscientes de que esta non é unha eventualidade singular na USC", afirman.

"Non se trata de circunstancias illadas na USC, nin dunha sucesión de erros ou omisións concretas. É un síntoma máis das políticas que se están a desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela nos últimos anos", advirten.

Neste sentido, sinalan que "a case nula reposición de prazas titulares e a precariedade das poucas temporais que se convocan repercuten tanto na investigación e condicións laborais do profesorado como na calidade docente que recibe o alumnado".

"O que está a suceder neste mestrado tan só é un exemplo máis da deriva errática e da descomposición da universidade pública neste país", alertan.

É por isto que reclaman cambios no sistema de xestión de prazas e de asignación de docencia: "Non só esiximos que se solucione inminentemente o noso problema particular, senón que se reformule o sistema de xestión de prazas e a asignación de docencia para acadar unha solución real e que esta situación non se repita no futuro".

RESPOSTA DA USC

Fontes da USC aseguraron a GC que o problema se solventará o vindeiro luns, 7 de outubro (as clases comezaron o 16 de setembro), cando "se incorporará o profesorado das materias afectadas".

Desde a institución académica recoñecen que "houbo retraso na comisión de selección", que ademais se produciu nun momento "pouco oportuno, a comezos de curso". Pero queren salientar que "hai un compromiso do departamento para recuperar o tempo perdido", unha vez que os docentes se incorporen o 7 de outubro.

Por último, desde a USC din "lamentar as molestias por este retraso" e avanzan, ante as críticas do alumnado, que "se van definir protocolos para que isto non volva acontecer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta