"Achegamento importante" entre PSOE e Compostela Aberta para sacar adiante as ordenanzas fiscais

O Concello planea construír catro aparcadoiros disuasorios nas entradas á cidade dirección A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/10/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recoñeceu que existe un "achegamento importante" do goberno municipal co grupo de Compostela Aberta para sacar adiante as ordenanzas fiscais, aínda que apunta que non renuncian a alcanzar "o maior consenso posible" sumando ao Partido Popular ou ao BNG.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Europa Press

Bugallo indicou que co grupo que hai maiores diferenzas é cos populares, posto que estes apostan por "unha rebaixa fiscal moi potente" que sería "incompatible" con "os servizos que reclaman os cidadáns e os retos do ano 2021".

Por outra banda, o rexedor compostelán avanzou que a corporación municipal traballa na elaboración dunha declaración institucional en apoio ás persoas maiores da capital galega, un colectivo que agrupa a "máis de 20.000 persoas".

En relación a isto, o Concello pretende reactivar o Consello das Persoas Maiores da cidade "que leva anos sen reunirse". Con iso, o goberno local quere atender un colectivo "fráxil" e que "pasa despercibido porque raramente protesta".

NORTE DE PORTUGAL

Así mesmo, Sánchez Bugallo tamén incidiu na necesidade de avanzar na colaboración con localidades do norte de Portugal como Viana de Castelo ou Braga, que representan "modelos existosos" nos que debe fixarse Santiago de cara á captación de investimento estranxeiro.

Tras participar esta semana na presentación dun informe presentado por Eixo Atlántico, o alcalde santiagués reivindicou que a capital de Galicia conta con "aeroporto, chans industriais e infraestruturas" que achegan potencial para atraer investimentos. "Pero fáltanos unha política e facilidades para a implantación de empresas", apostilou.

APARCADOIROS DISUASORIOS

Ademais, avanzou que o goberno local planea construír aparcadoiros disuasorios nas catro entradas da cidade —dirección A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra— cos que pretenden desconxestionar o centro da cidade.

Trátase dunha das medidas incluídas nos traballos de preparación para o Xacobeo 2021, un evento para o que o goberno santiagués mantén reunións coa Dirección Xeral de Tráfico co obxectivo de elaborar un "programa moi ambicioso" que inclúe a renovación do sistema de información do aparcadoiro na cidade.

Neste sentido, indicou que, aínda que o proxecto se atopa en fase inicial, o Concello xa identificou onde se situará o aparcadoiro disuasorio da entrada norte. Será nunha leira nas inmediacións das instalacións de Castrosúa, no polígono do Tambre, con capacidade para 2.000 vehículos e que estará conectada con liñas de buses para facilitar o acceso ao centro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta