Sanidade pecha a situación de alerta en Corme e levanta as restricións sobre o consumo da auga

As últimas analíticas confirman que a auga da traída volve ser potable.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade pechou este venres "a situación de alerta" no municipio de Ponteceso (A Coruña) tras un brote de gastroenterite e levantou as restricións sobre o consumo da auga da traída municipal da parroquia de Corme.

Auga da billa.
Auga da billa.

A decisión tomouse tras recibir este venres as analíticas do Laboratorio de Saúde Públca da Xunta e da empresa xestora do abastecemento.

"Os resultados de ambas son coincidentes e acreditan a non contaminación microbiolóxica nin por norovirus —axente causal do brote de gastroenterite—, polo que se considera que a inxesta de auga da citada traída cumpre cos requisitos esixidos que garanten a súa potabilidade e o seu consumo", subliñou o departamento autonómico.

Por iso, á vista dos resultados, o equipo do brote de gastroenterite procedeu ao peche da situación de alerta e comunicou ao Concello de Ponteceso o levantamento da restrición de consumo de auga de abastecemento municipal en Corme, "sempre que se manteñan as condicións actuais do abastecemento e dos autocontrois da traída", puntualizou.

Tamén destacou Sanidade que foron "favorables" as medidas "correctoras" realizadas pola empresa xestora responsable do servizo de abastecemento. "As mostras de auga foron tomadas pola empresa nos mesmo puntos onde se atoparon importantes niveis de contaminación fecal e tras adoptar as correspondentes medidas", explicou.

Así, sinala a Consellería, "na notificación que a empresa remitiu" a Sanidade "indícase que os resultados son favorables e indicarn que a auga da traída de Corme é potable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta