Propoñen que Galicia imite o exemplo de Nova York e vete a caza de xabarís fronte "a escasa capacidade" da Xunta

O Goberno galego permitiu a actividade cinexética diaria nun total de 33 concellos de todas as provincias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2019 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

A asociación animalista Libera propón imitar ao estado de Nova York (Estados Unidos) no veto que mantén desde 2014 á caza de xabarís fronte "a escasa capacidade" da Xunta para adoptar modelos alternativos que controlen a presenza desta especie en Galicia.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Europa Press.

Segundo este colectivo, o gobernador de Nova York prohibiu a captura de xabarís, "principalmente importados" nas últimas décadas polos escopeteiros "para organizar batidas deportivas", por considerar "contraproducentes" estas accións cos esforzos do Estado para evitar que danasen cultivos ou provocasen accidentes.

Alí, mentres a industria gandeira xerou, segundo cifras de Libera, 5.400 millóns de dólares en vendas, as perdas por danos de suidos estimáronse en 450.000 dólares en 2015.

Ademais deste Estado norteamericano, os animalistan sinalan o exemplo doutros territorios como o estado de São Paulo (Brasil), o cantón de Xenebra (Suíza) ou Luxemburgo, que "vetou a caza do raposo ao considerar que se estaba producindo un desequilibrio ecolóxico".

Fronte a estas solucións, Libera sinala "a escasa capacidade" da Xunta de Galicia para "ensaiar modelos alternativos á caza" e remítese ás críticas vertidas por diferentes colectivos —tamén agricultores, gandeiros e, mesmo, cazadores— contra a medida de permitir a actividade cinexética diaria nun total de 33 concellos de todas as provincias.

E é que, para os animalistas, a proposta do Goberno galego "choca ademais co criterio de caza sustentable que defende publicamente", xa que "permite unha auténtica masacre e un acoso constante a outras especies de fauna silvestre", o que tamén é "perigoso" para as persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta