Pontón chama a "transformar o cabreo" con forzas que "pasan de Galicia" en apoio a un BNG "á alza"

Cre que "para nada" pode afectar as perspectivas electorais do Bloque a candidatura de Bescansa pola Coruña.

Por Europa Press / Redacción | | 05/10/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento para "transformar o  cabreo co que está a pasar neste momento na política" e coas forzas estatais que "pasan de Galicia" nunha "oportunidade" para que un Bloque "á alza" volva entrar no Congreso. "Estamos convencidos que desta vai", sentenza.

Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Pontón, Olalla Rodil e Francisco García no acto de presentación de candidaturas do BNG.
Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Pontón, Olalla Rodil e Francisco García no acto de presentación de candidaturas do BNG.

 

Así o expresou este sábado en Santiago nun acto cos cabezas de lista do Bloque polas catro provincias: Néstor Rego (A Coruña), Carme da Silva (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Francisco García (Ourense).

 

Deste xeito, Pontón lembra que nas últimas xerais de abril a formación nacionalista "tivo na punta dos dedos" entrar no Congreso, polo que este 10 de novembro "é a segunda volta para que Galicia poida ter voz propia en Madrid da man do BNG".

 

Neste sentido, sinala que existe "certa sensación de 'déjà vu' electoral", con catro xerais en catro anos, o que "deixa en evidencia a inutilidade de forzas estatais", pero considera que "a opción non é quedar na casa".

 

Unha cita de Einstein ("se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo") valeulle para situar o Bloque como unha "oportunidade de país de facer algo diferente" para que "Galicia teña voz propia".

 

E é que Ana Pontón recrimina que os 23 deputados elixidos por Galicia "son como estatuas de sal" que "non abren a boca", pois "só falan para defender o inxustificable, os malos tratos que a este país dan os diferentes gobernos de quenda".

 

"A VELLA E NOVA POLÍTICA"

 

Na súa intervención, a líder nacionalista dixo de que "a vella e a nova política están máis preto do que podería parecer", dado que "teñen en común ese trato discriminatorio a Galicia".

 

A modo de exemplo, pon a "Podemos pactando co PSOE os peores orzamentos en décadas para Galicia". Aquí, resalta que o BNG ten as "mans libres" e é "unha forza sen ataduras".

 

"Ou está o BNG para condicionar a política en Madrid a favor de Galicia ou ninguén máis en Madrid vai facer", sentenza. O obxectivo é "facerse valer como fan outras nacións sen Estado, como fan vascos, cataláns...", que "están a defender os seus intereses no Estado" porque "teñen forzas políticas propias".

 

Reprocha que en campaña os candidatos estatais virán a Galicia co "seu mellor sorriso" de "turismo electoral" como "se non pasase nada", pero "non veñen" para dar solucións a problemas como a crise industrial galega, a emigración de mozas, a "estafa" das peaxes ou que os galegos teñan as segunda pensións máis baixas de España.

 

"OPTIMISTAS"

 

A preguntas da prensa sobre as últimas enquisas que dan un deputado ao Bloque pola provincia da Coruña, Pontón indicou que afrontan este proceso con "enorme optimismo". "Estamos convencidos de que hai moitos galegos e galegas que tomaron nota de que a Galicia vai mal cando o BNG non está", asegura.

 

Con todo, di que as "enquisas son enquisa", polo que pide velas "con moita precaución", aínda que o que reflicten é que o BNG "está á alza".

 

"Cada vez hai máis galegos que son conscientes de que Galicia perde cando non está o BNG defendendo os seus intereses no Congreso", sostén.

 

Sobre pactos  poselectorais, tan só se slimitou a dicir que calquera acordo de investidura debe pasar por "unha axenda galega", porque non van ir a Madrid a "tomar canas" senón a defender os intereses dos galegos.

 

CANDIDATURA DE BESCANSA

 

Sobre se cre que a candidatura de Carolina  Bescana (Más País) pola provincia da Coruña pode afectar as perspectivas electorais do Bloque, Pontón foi tallante: "Para nada".

 

"Se algo necesitamos neste momento é menos Madrid e máis Galicia", afirmou, pois "o que lle preocupa á xente deste país non son os xogos de poder nin os rancores doutras forzas políticas", senón que haxa "voz propia" de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Guillerme Gintonic

La Voz de Galicia, facendo, como sempre, campaña a prol do BNGuai ¡¡¡

3 Nacionalista

Menos Madrid, Máis Galiza! Adiante en bloque! #DestaVai

2 Carla

Vamos a Madrid. Vamos BNG!!! Galiza existe!!!!

1 Multinick

Galiza existe, pero o BNG só existe para La Vox de Galicia.

1 Gamela

O lema do BNG é un puro oxímoron : piden o voto para ir a Madrid e predican menos Madrid ? A ver se son quen de explicarllo ben ao seu electorado ? Que eu saiba o BNG non é o PNV !!!

1 Alienao

Descolonícese home!