Coñece a Tomás Batuecas, o persoeiro que internacionalizou a ciencia galega

O Consello da Cultura Galega, A Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística poñen en valor a súa figura mediante a publicación dunha unidade didáctica que repasa a súa traxectoria e os seus fitos científicos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Tomás Batuecas foi un persoeiro que veu dende Cáceres ata Galicia para crear no país cátedra científica. Cunha grande proxección internacional, este investigador e docente puxo a ciencia galega no panorama estatal e europeo. Agora, o Consello da Cultura Galega, A Real Academia Galega de Ciencias e Política Lingüística poñen en valor a súa figura mediante a publicación dunha unidade didáctica que repasa a súa traxectoria e os seus fitos. Ademais, será o homenaxeado no Día da Ciencia de Galicia deste ano 2019 polas súas contribucións no campo das masas atómicas.

A familia de Tomás Batuecas, presente no acto
A familia de Tomás Batuecas, presente no acto

Nun acto celebrado este luns no Consello da Cultura Galega, a familia do propio Tomás Batuecas, acompañados do director Xeral de Política Lingüística, Valentín García; Rosario Álvarez, presidenta do CCG; José Manuel Lema, presidente da Real Academia Galega de Ciencias; e Manuel Bermejo e Ramón Cid, os coautores da publicación, presentaron a unidade didáctica e revalorizaron a figura do científico.

Tomás Batuecas foi unha figura internacional na determinación dos pesos atópicos nos elementos químicos. As súas investigacións levárono á presidencia da IUPAC (Unión Internacional de Química Pura e Aplicada). Como investigador, Batuecas publicou 139 traballos recoñedicos, dos que 39 se atopan en revistas como Nature. Tamén fixo escola, a chamada "Escola compostelá de determinación rigorosa de masas atómicas". 

A unidade didáctiga que agora se presenta ten como obxectivo achegar a traxectoria científica deste persoeiro ás escolas e ás universidades. Segundo Ramón Cid, esta obra aséntase sobre catro eixos: a figura multidisciplinar de Batuecas, a presenza da muller na ciencia, a valorización da universidade galega e o contexto do Ano Internacional da Táboa Periódica. O seu neto, tamén chamado Tomás Batuecas e prente no acto, quixo destacar non só o labor científico do seu avó, senón tamén o labor docente e a súa "figura humana". 

Rosario Álvarez, que abriu e pechou o acto, fixo fincapé na necesidade de poñer en valor "o noso legado e o noso patrimonio científico". "Non hai futuro se non hai conciencia do pasado", sentenzou. É por iso que esta nova publicación chama a botar a ollada atrás para poñer en valor a nosa memoria e construír, sobre ela, o futuro do país. 

O científico Tomás Batuecas
O científico Tomás Batuecas

XORNADA

Por outra banda, unha xornada do Consello da Cultura Galega abordará este martes a historia que une ás matemáticas e a arte, dúas disciplinas diferentes pero que comparten elementos e enfoques comúns e que as conectou ao longo do tempo.

Deste xeito, unha serie de expertos do mundo da arte e da ciencia disertarán sobre as diferentes vertentes que unen ambos os campos, como a creatividade, a resolución e a súa presenza na a obra de figuras como Leonardo Da Vinci ou Esther Ferrer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta